Unha necesaria visión conxunta do territorio

Manuel Martínez Carazo PRESIDENTE DA DELEGACIÓN DE VIGO DO COLEXIO DE ARQUITECTOS DE GALICIA

VIGO CIUDAD

Vista aérea del puerto de Vigo.
Vista aérea del puerto de Vigo.

Na área metropolitana de Vigo, as constantes disputas políticas sobre a xestión do territorio, que se prolongan xa por varios lustros, non fan máis ca deixar o camiño expedito á falta de planificación e ao aumento dos equívocos. Cómpre entender o territorio no seu conxunto, e facelo dende unha perspectiva social, en lugar de defender intereses partidistas ou localistas.

Como arquitectos, e en consecuencia como urbanistas, o transcendente é como a realidade se vai impoñendo mentres seguimos a ser incapaces de buscar fórmulas colectivas que dean resposta ás necesidades da xente. Foi un acerto das directrices de ordenación do territorio cualificar a contorna de Vigo —tamén a da Coruña— como unha rexión urbana. Dese xeito afastábanse das discusións sobre a forma xurídica e centrábanse no relevante: a necesaria visión territorial dun conxunto poboacional que, con bo criterio, non limitaban a uns concellos concretos, senón que permitían a súa expansión en función de estudos máis detallados. Se fósemos quen de articular unha área metropolitana dende a lóxica do territorial —é dicir, obviando a realidade administrativa fragmentada—, sería posible dotala dunha axeitada planificación urbana. Aí radica a importancia de que vivenda, servizos, industria e tamén transporte camiñen da man e poidan abordarse de maneira integrada.

Progresivamente, a regulación urbanística traballa nesa liña, mediante a incorporación de instrumentos de planificación territorial que exceden os límites administrativos e que se elaboran a través do consenso e da participación. Pero este desexo topa unha e outra vez coa realidade administrativa, que limita as solucións de proximidade e impide a necesaria visión territorial.

Nese proceso de planificación supramunicipal hai diferentes camiños, pero todos eles teñen que pasar, necesariamente, por unha articulación que xurda da cidade de maior dimensión, a que ofrece os servizos de maior escala. Pola súa parte, esta cidade ten que buscar unha resposta equilibrada, sendo consciente de que case a metade da poboación da súa área vive noutros concellos. A partir de aí, como urbanistas, as liñas divisorias deberían tender a desaparecer e pensarse unicamente no interese xeral, que tería que ser o principio último —e único— da planificación territorial.

A mellora do transporte metropolitano é a urxencia máis inmediata e, malia todo, a máis doada de abordar. Trátase de dar resposta ao escenario actual e ás demandas da cidadanía nun momento de cambio de modelo no que o tráfico nos centros das cidades se limita e se fomentan os servizos de proximidade. Pero, en paralelo, esta mobilidade abre as portas —ou debería abrírllelas— a novos xeitos de ocupar e equilibrar o territorio.

A mobilidade tería que ser un complemento para axudar a paliar a dramática situación de escaseza de vivenda, permitindo residir en espazos non centrais da cidade cunha axeitada conexión cos lugares de traballo e cos nodos de servizos. Habería que evitar, na medida do posible, a dependencia do vehículo privado e axudar que a vivenda acomode o seu prezo á realidade económica da sociedade actual.

Do mesmo xeito, a implantación das actividades económicas e dos servizos non pode ser unha competición entre concellos, unha lotería administrativa, senón partir dunha visión xeral, equilibrada e consensuada, que redistribúa o beneficio na contorna.

A fortaleza da área urbana de Vigo, e en especial a presenza da Zona Franca —que lle facilita acometer actuacións de maior escala—, debería permitirlle aproveitar todas as ferramentas que pon ao seu dispor a nosa lexislación urbanística, comezando por unha visión estratéxica conxunta centrada na vivenda, nos servizos e na mobilidade. As bases para poder facelo son extraordinarias. E o momento tamén.