Bea Gregores, ilustradora de «Virxinia e Castelao»: «O máis complexo foi referenciar, dende o meu propio estilo, a obra de Castelao»

Alfredo López Penide
L. Penide PONTEVEDRA / LA VOZ

VIGO CIUDAD

A ilustradora Bea Gregores, nunha imaxe de arquivo
A ilustradora Bea Gregores, nunha imaxe de arquivo Martina Miser

Neste traballo a artista viguesa deixa «de lado os pinceis e abrazo por completo a ilustración e o deseño dixital»

30 abr 2026 . Actualizado a las 05:00 h.

Ao tempo que segue «traballando na fermosa triloxía de Bruxas e Dragóns, escrita por Ledicia Costas e Luismi Pérez, e colaborando coa Casa Museo Rosalía de Castro na exposición itinerante Rosalía ilustrada», Bea Gregores (Vigo 1995) firma as ilustracións do libro Virxinia e Castelao (Cumio Editora). «Dende practicamente o inicio da colección Miudiños tiñamos claro que era de vital importancia tratar a figura de Castelao e Virxinia. Así que cando Cumio Editora mandoume o texto de Diego Bará, con quen traballara no anterior exemplar, María Miramontes e Ánxel Casal, tiven claro que era o momento de pórse a ilustrar!», remarca ao respecto.

—Que foi o máis complexo á hora de elaborar esta obra?

—O máis complexo da elaboración deste álbum foi referenciar, dende o meu propio estilo, a obra de Castelao. Varias das dobres páxinas están inspiradas en pinturas e caricaturas do autor, así como fotografías del e de Virxinia no exilio.

—En que se baseou para «caracterizar» tanto a Castelao como a Virxinia?

—Para a caracterización na colección Miudiños busco que os debuxos sexan sinxelos e limpos, preto do deseño pero sen comprometer o detalle. No caso da figura de Castelao, as súas gafas e sombreiros característicos fixeron o traballo case por min.

—En que se diferenza este traballo dos outros que ilustrou nesta colección, se é que hai algunha diferenza?

—A gran diferenza deste libro co resto da colección é, en parte, a edición, desta vez en tapa dura, e o método de traballo, onde deixo de lado os pinceis e abrazo por completo a ilustración e o deseño dixital.