Un pode abeirarse por proximidade xeracional a propostas poéticas individualizadas que, nos últimos tempos, repararon en Vigo como espazo ou imaxinario inspirador como Vigo, de Helena de Carlos, ou Herba de Vigo, de Carlos Solla, por poñer só dous exemplos. Iso non significa que un dos libros de feitío clásico que, ao meu ver, describen con acerto as dimensións identitarias da cidade sexa este volume titulado Vigo en tres paisajes, agora reeditado nunha coidada edición na Editorial Elvira. A orixe do libro remóntase a un concurso literario que o escritor do Grove gañou e que el mesmo publicou en forma de opúsculo en 1960 baixo o título de Sonetos a la ciudad de Vigo. En 1990 aínda puido revisar unha nova edición daquel libro co título modificado e xa definitivo de Vigo en tres paisajes, en gran formato cun prólogo de Gerardo González Martín e un epílogo de Antonio M. Chaves, responsable igualmente do deseño da cuberta e das ilustracións dos interiores. Agora, trinta e cinco anos despois, reedítase cunha cronobiografía anónima; un clarividente, coma sempre, limiar de Xesús Alonso Montero e dous suxestivos epílogos a cargo de dous lueirólogos como son Luís Cochón e Modesto Hermida, alén dun completo apéndice gráfico. Lueiro exhibe neste libro un achegamento á alma da cidade captada a través de tres partes que constrúen un retrato a cabalo do lírico e do compromiso, isto é, un Vigo de ferro que convive coa beleza estética que se dá na confluencia do urbano e dos espazos e modos de vida tradicionais.
Na primeira paisaxe obxectívase un territorio en función dos diversos elementos descritivos e simbólicos como son a luz, o vento, o mar, a pedra ou a árbore e trazos singularizadores da cidade como son a presenza das aves ou o porto; a isto engádese un canto á esencia da tradición proletaria e mariñeira da cidade con tres composicións que xogan cos conceptos do martelo, a roda e a máquina e remata con dúas visións contrastivas e impresionistas da cidade en dous tempos como son o vespertino e o nocturno.
Velaquí unha peza, se se quer da protohistoria dunha voz brillante, que tematicamente recrea motivos aos que dará forma, pouco tempo despois, en lingua galega.