O alumnado do Colexio Pombal de Vigo homenaxea a Begoña Caamaño no inicio da Primavera das letras
VIGO CIUDAD
A escritora An Alfaya escribiu unha obra de teatro para dar a coñecer a figura da viguesa a que se lle dedica o Día das letras
02 mar 2026 . Actualizado a las 22:02 h.«Deixástesme desarmada», exclamou, sorprendida, Beatriz Caamaño tras ver e escoitar a dramatización musicada protagonizada polo alumnado de 5º e 6º de Primaria do CEIP Plurilingüe O Pombal de Vigo sobre a figura da súa irmá, Begoña Caamaño. Foi o emotivo acto co que a Real Academia Galega iniciou a Primavera das Letras, o apartado relacionado co Día das Letras dirixido aos centros escolares do país. A autora da obra é a escritora viguesa An Alfaya, que estudou coa muller homenaxeada este ano na festa da lingua galega. Tanto o texto como as ilustracións, realizadas por Laura Romero, da peza teatral Uuu-uuu, Begoña! (Teatro para a infancia cun lanzamento, tres lances e un desenlace), están dispoñibles na páxina web de primaveradasletras.gal.
Beatriz Caamaño, que estivo acompañada por varios familiares, mostrou a súa satisfacción pola representación teatral e animou aos nenos e nenas do centro educativo vigués a buscar o seu camiño e que o exemplo da súa irmá lles sirva de guía para reflexionar sobre a vida. «Non caledes nunca, dicídeo porque o mundo está feito para ser cambiado», sentenciou, non sen destacar as múltiples causas que defendeu a súa irmá falecida no 2014 cando só tiña 50 anos.
O acto foi presentado pola académica Fina Casalderrey que, a modo de conto, explicoulle aos alumnos do centro o papel da Real Academia, cuxo presidente, Henrique Monteagudo, tamén estivo presente. An Alfaya rescatou para a súa obra as heroínas dos libros de Begoña Caamaño, ás que levou montadas en eguas a un bosque máxico, onde habitan a curuxa Maruxa e o moucho Moncho. Laura Romero encargouse de darlle imaxe e cor a eses personaxes. Esta peza foi concibida para se ler e representar dentro e fóra das aulas.
«Escollemos unha escola do barrio do Calvario, o territorio vital da infancia de Begoña Caamaño, para abrirmos o noso calendario de celebracións das Letras Galegas 2026 porque a semente, o presente e o futuro da nosa lingua e da nosa literatura reside en boa medida en espazos coma estes», explicou o presidente da Real Academia Galega.
«Dende que no ano 2016 empezamos coa Primavera das Letras, dende a Academia sabemos o bo traballo que fan os centros de ensino do país, e énchenos de emoción e ilusión porque é a semente para amar a nosa cultura», apuntou Henrique Monteagudo.