Toniño López, de Treixadura: «Cando empezamos hai 35 anos ser gaiteiro non era nada doado»

Jorge Lamas Dono
jorge lamas VIGO / LA VOZ

VIGO CIUDAD

XOAN CARLOS GIL

O grupo publica o seu noveno disco, «Portalén», que presentará en Vigo

28 feb 2026 . Actualizado a las 05:00 h.

Treixadura ten novo disco. É Portalén, unha colección de temas que falan do futuro sen perder de vista o pasado. Toniño López (Vigo, 1960), membro fundador da formación de música tradicional, explica o contido deste traballo que os vigueses poderán escoitar en directo o vindeiro 14 de marzo no Teatro Afundación.

—Pasaron catro anos dende o último disco. Como foi o proceso de creación deste novo traballo?

—Entre disco e disco hai un proceso de selección, unha idea e a creación dun proxecto sempre cun nexo común que é dar a coñecer o que aínda queda sobre a música tradicional. Neste traballo aparecen novas melodías escritas nos cancioneiros, que recobran unha nova vida. Vémolo como un tránsito dun pasado cara a un futuro.

—De aí o título?

—Si. É esa porta aberta á emoción e o paso da memoria cara ao futuro. Partindo da tradición, construímos este novo presente e intentamos transformalo. Tamén queremos aportar novas ideas e novos xeitos para a música tradicional, xa que o grupo aínda compón melodías que no seu tempo callaron na xente e hoxe forman parte da roda popular. É o gran orgullo que temos.

—É difícil compoñer para un grupo que ten unha sección instrumental e outra de canto?

—Non, é un complemento moi necesario. Treixadura, que nun principio eramos só músicos, ten a necesidade de cantar con forza, e nos chegou ao xuntar un coro de amigos afíns. Como é xente que vivía a mesma idea ca nós, foi moi doado. Non tería sentido Treixadura sen esas voces, creo que foi un acerto pleno.

—A través do canto, a xente involúcrase nos concertos?

—Si, queremos que un concerto xere a emoción de cantar xuntos, aparte de pasalo ben, de asistir a un concerto e de ter música, pero procurando a participación colectiva. Creo que un concerto de Treixadura acaba sendo como se fosemos un grande coro. É algo que no seu día parecíanos difícil se nos remontamos a hai 35 anos, pero o panorama cambiou bastante. Daquela, ser gaiteiro non era doado; hoxe estamos ao par de calquera tipo de música.

—Cantos temas leva Portalén?

—19, pero hai varios que son liñas melódicas dun minuto e sen harmonizar. Son esas pequenas liñas melódicas que aparecen nos cancioneiros e que, en vez de collelas todas e facer unha melodía con elas, decidimos deixalas como aparecían. Ás veces son voces solistas do orfeón e outras en coro, pero son melodías tratadas tal e como están, sen facer un arranxo. Iso conxuntámolo coas melodías típicas do grupo. É un disco máis longo do habitual.

—O folk permite a innovación ou hai liñas infranqueables?

—Ten que haber innovación. Ao redor do grupo hai unha conxunción singular porque hai xente nova que chega a nós e tamén está a xente maior que sempre a gozou. O panorama musical galego non tería sentido se non houbese innovación. Xa pasou hai 50 anos cando apareceron os formatos novos do folk, como Milladoiro.

—Merecería o folk galego, en conxunto, un recoñecemento institucional ao estilo do que tiveron as cantareiras o ano pasado?

—Aquilo foi unha boa idea, pero penso que aínda que non teñas un recoñecemento institucional si o tes popular, que é o que te mantén e te di se estás no camiño correcto ou non. Cando empezamos eramos gaiteiros e era complicado porque case tiñas que pedir permiso para subir a un escenario. Os gaiteiros non estabamos nin valorados nin recoñecidos. A nosa aposta funcionou porque facemos unha música coa que a xente conecta rapidamente.

­—Haberá algo especial no concerto de Vigo?

—Si, queremos que, máis que un concerto ao uso, sexa coma un encontro despois de anos. Estamos preparando todo para que sexa emocionante, e xa non só no momento no que empece o concerto, senón antes, dende que entre a xente no teatro. Queremos que sexa diferente, emotivo e que haxa sorpresas para que o público saia feliz. Estarán os novos temas, pero tamén os de sempre.