A Fundación Laxeiro premia a prolífica carreira da escritora An Alfaya

p.r. VIGO / LA VOZ

VIGO CIUDAD

Oscar Vázquez

A escritora defendeu «a capacidade da arte para conmovernos e humanizarnos»

24 feb 2026 . Actualizado a las 05:00 h.

Ángeles Alfaya Bernárdez (Vigo, 1964), coñecida artisticamente como An Alfaya, recibiu onte no Marco de Vigo o Premio Laxeiro 2026 pola súa «prolífica produción, a gran versatilidade da súa escrita e o talento para dirixirse a público infantil, xuvenil e adulto, conformando unha obra heteroxénea que ten contribuído á renovación da literatura actual en lingua galega».

A escritora defendeu no momento de recibir o premio «a capacidade da arte para conmovernos e humanizarnos, alterarnos ou perturbarnos e, sobre todo, transformarnos ata o extremo». Alfaya pechou a súa intervención confiando en que, quizais, «a cultura e a creación sexan a táboa de salvación que nos queda, a única esperanza».

Pechou o acto o presidente da Fundación Laxeiro e alcalde de Vigo, Abel Caballero, lembrando que o labor da entidade na súa tarefa de difusión da obra de Laxeiro e tamén da cultura en xeral, «é un labor democrático de defensa da liberdade, sen a que non pode existir a dignidade das sociedades».

An Alfaya realizou estudos de Maxisterio na Escola de Formación do Profesorado de Vigo e Criminoloxía na Universidad Complutense de Madrid. Ligada ao teatro, participou na fundación do Teatro Avento de Vigo. Escribe literatura para público adulto, infantil e xuvenil, principalmente novela e relato, malia que os últimos anos tamén ten publicado poesía. Ademais, a súa obra foi traducida ao castelán, ao catalán e o inglés. Na Fundación Laxeiro tamén destacan que é unha escritora dotada dunha grande versatilidade: «É quen de transformarse como autora para cada novo título que publica, razón pola que o corpus da súa produción, máis que ter un selo persoal inconfundible, atravesa estilos e rexistros ben diversos».

Durante o acto tamén se lembrou a Rosalía de Castro e a Xesús Alonso Montero.