Suevia Sobral, profesora: «Aprender xaponés é máis doado para un galego que para un americano»

Bibiana Villaverde
bibiana villaverde VIGO / LA VOZ

VIGO CIUDAD

M.MORALEJO

Estudou Dereito, pero a súa fascinación por Dragon Ball mudoulle a vida; advirte de erros de tradución na pantalla coa conta atrás para o acendido do Nadal de Vigo

09 nov 2025 . Actualizado a las 01:11 h.

Ollo coas traducións automáticas. O Concello de Vigo vén de trabucarse coa conta atrás para o Nadal, escrita en xaponés. A pantalla da rúa do Príncipe reproduce grafías que non se axustan ao contido. «Onde ten que poñer minutos puxeron algo así como acta de reunión. No apartado de segundos empregaron unhas palabras que significan segundo prato, non segundos cronolóxicos». Quen o aclara é Suevia Sobral (Poio, 1984), coordinadora do departamento de xaponés da Escola de Idiomas de Vigo. É o segundo departamento de xaponés en número de alumnos en España, con 350 este curso, só superado por Barcelona e algúns anos por riba de Madrid e outros por baixo.

Escucha aquí la entrevista

Suevia Sobral ofreceuse a revisar os carteis municipais que o Concello de Vigo vén de contratar para publicitar o Nadal na cidade de Kawasaki (1,5 millóns de habitantes). A experta aclara que, para un xaponés, as luces de Vigo son moi exóticas, non pola potencia ou número de leds, senón pola distancia cultural. «En Xapón, o día 24 de Nadal non se celebra, ten outro significado, é un día tradicional de citas románticas, para quedar coa parella e comer polo», explica quen leva anos casada cun xaponés en Galicia. El asegura que é asiático, pero de Cangas e do Celta.

Suevia estudou Dereito, pero a súa fascinación pola cultura oriental fixo se instruíra en artes marciais, chinés e xaponés. Cando comezou estes estudos era só unha moza e non podía imaxinar que, buscando traballo para dar clase de Dereito, ía xurdir a súa oportunidade laboral: ensinar xaponés, primeiro nunha academia e logo na Escola de Idiomas. No departamento de xaponés o galego é lingua vehicular entre varios dos compañeiros. Suevia xunta así as súas grandes paixóns, a cultura oriental e os debuxos de anime cos que medrou, tarde a tarde, vendo o Xabarín Club da TVG. «A versión dos actores de dobraxe galegos é mellor que a orixinal. Dragon Ball mudou a miña vida. Coñezo xente de aquí que vive no Xapón por admiración a estes debuxos. Gústame esa mensaxe que teñen esas series nas que se traslada que, se loitas por algo, conseguirás o que te propoñas», reivindica.

A experta explica que os caracteres de minutos e de segundos do cartel da conta atrás para o acendido de Nadal non significan o que pretenden
A experta explica que os caracteres de minutos e de segundos do cartel da conta atrás para o acendido de Nadal non significan o que pretenden M.Moralejo

Sobral coordina tamén as actividades culturais dentro da EOI, como a Semana Nipona ou as viaxes a Xapón como a que está programando para o 2026. O interese que hai na cidade olívica polo idioma oriental vai en aumento, sobre todo entre a xente moza. Entre os alumnos desta lingua hai alumnos dende os 14 ata os 70 anos.

Antes do fenómeno K-pop

No centro de idiomas de Vigo o número de estudantes de xaponés vai en aumento de xeito progresivo, a ritmo de 20 ou 30 máis por curso. A todos eles hai que sumar os que se achegan ás actividades do centro atraídos pola cultura do origami ou o anime. «Hai uns anos que Xapón lanzou unha campaña que se chamaba Cool Japan para atraer a xente nova a través da música, o anime ou o manga», aclara quen ficou atrapada pola estratexia. Igual que o Fenómeno K-pop interesa agora a unha xeración enteira de rapaces, antes xa o fixo o país nipón cos debuxos animados.

Aqueles episodios desas tardes animadas por un porco bravo triunfaron entre toda unha xeración que xa é adulta. A dobraxe é responsable en parte, pero tamén hai cuestións culturais nas que Galicia e Xapón van da man. Suevia compara a amabilidade dos galegos coa dos nipóns, tamén o amor polo territorio e a natureza. Algo no que hai similitudes é a pronunciación fonética do xaponés e o galego. «Teñen o xe como o noso e tamén o ene velar [como o da palabra nunha]. Así que os galegos temos vantaxe con respecto a un americano á hora de aprender esta lingua». En tres anos pódese adquirir un nivel que permite xa a comunicación, aínda que a carreira completa de xaponés dura oito anos. Só o 10 % dos alumnos rematan os estudos na escola oficial.

Suevia é filla do exalcalde de Poio Luciano Sobral. Visita aos seus pais cada semana.
Suevia é filla do exalcalde de Poio Luciano Sobral. Visita aos seus pais cada semana.

 

As mulleres

Tamén derruba mitos. «Fálase das camelias, que se cultivan en ambos sitios, pero hai que dicir que as do Xapón son máis pequenas». Igual que un galego non come marisco a diario, tampouco un oriental se alimenta habitualmente de sushi, que é un alimento reservado ás celebracións. A igualdade das mulleres é un asunto no que en Xapón hai menos avances. «Teñen unha primeira ministra muller, pero é algo anecdótico. Os políticos do Parlamento son case todos homes maiores. Ademais, moitas mulleres deixan a súa carreira para atender a familia».

Son traballos moi intensos, con moita dedicación. «Os docentes que coñezo alí non teñen vida, traballan de luns a domingo e non ven os fillos», lamenta. Como coñece, escolle. «Sigo costumes de Xapón. Saco os zapatos na casa e aliméntome coma eles, pero o de durmir no futón [colchón no chan] non o levo ben. Sei que ao día seguinte vou ter dor de costas». Para que conformarse se pode escoller o mellor de cada sitio?

A súa canción

«Ue wo muite arukou», de Kyu Sakamoto. «É unha canción que coñezo hai moitos anos e que me gusta moitísimo. O cantante faleceu no único accidente de avión que houbo no Xapón. Iso converteuno nun mito para os xaponeses. A canción fala de seguir adiante e sorrir a pesares de que un se sinta triste».