«Vigo perdeu a conciencia obreira que tiña anos atrás»

Pedro Rodríguez
pedro rodríguez REDONDELA / LA VOZ

VIGO CIUDAD

Oscar Vázquez

O sindicalista Guillermo Fontán será homenaxeado en Redondela polo asociación cultural Alén Nós o vindeiro 15 de novembro

08 nov 2025 . Actualizado a las 16:12 h.

Guillermo Fontán (Mondariz, 1940) coñeceu a inxustiza de pequeno. No seu Mondariz natal. Na súa escola moitos nenos ían descalzos, sen almorzar porque non había que comer. «Na aula estaban eles e logo os fillos dos señoritos. Dous mundos diferentes», lembra Varela. Dende aqueles días, Guillermo odia as inxustizas e leva loitando contra elas toda a vida. Foi un recoñecido sindicalista da loita obreira do Vigo dos anos 70 e 80 e presidente da Xunta de Persoal do Concello de Redondela. Tamén estivo moi implicado no movemento veciñal de Chapela e na actividade cultural. Por todo isto, e coincidindo co seu 85 aniversario, a asociación Alén Nós organiza un acto o vindeiro sábado 15 de novembro en Redondela para homenaxealo cunha cea e un libro sobre el escrito por Carlos Taibo.

Guillermo está agradecido pola homenaxe, pero deixa claro que a el non lle gustan as homenaxes citando ao anarquista Durruti: «El aplauso es el veneno de los líderes». El sempre fixo todo polo ben común. O seu primeiro traballo foi de sancristán con soamente 13 anos e logo foi traballar como palista nunha empresa de construción. «Eu conducía unha pala que estivo a aplanar os terreos nos que se construíu a fábrica de Citroën», lembra. Nesa mocidade comezou a súa implicación no movemento obreiro na Xuventude Obreira Cristiá (XOC). Alí, en pleno franquismo, trataban de mellorar as malas condicións dos traballadores.

Nos anos 70, Guillermo Varela formou parte activa das loitas obreiras que marcaron a historia de Vigo dende o seu posto como delegado sindical no estaleiro Ascón. Guillermo está orgulloso daquela loita que comezou cando quixeron botar a un compañeiro porque insultara de broma a un encargado. «Tiñamos unha organización moi boa. Había tamén resistencia económico. Abríamos os bares nas festas, íamos a supermercados para conseguir recursos para que todos puideramos soster a loita. Hoxe xa non hai esa forza. Vigo perdeu a conciencia obreira que tiña anos atrás», indica. Hai unha imaxe gravada cando mira atrás. «Estabamos sentados na Praza do Sol e viñeron os policía disparando bólas de goma», conta.

Guillermo perdeu o traballo por consecuencia da loita, pero, ao pouco, conseguiu un traballo no Concello de Redondela, no que foi presidente da Xunta de Persoal. Tamén formou parte activa do movemento veciñal de Chapela co que «gañamos o instituto e o centro de saúde», lembra. Ademais, tamén axudou na creación de Alén Nós e formou parte do Movemento Galego en Defensa das Pensións Públicas. Guillermo foi e é, por riba de todo, un home comprometido que tamén quere lembrar a xente nova que as cousas e os dereitos hai que pelealos e defendelos.