Un pósito para a memoria de Vigo

Rafael ojea pérez FOI XEFE DO SERVIZO DE PATRIMONIO HISTÓRICO, DO DE EDUCACIÓN E DIRECTOR DA EMAO.

VIGO CIUDAD

No disponible

O autor propón que exista un lugar sinxelo para albergar pezas de patrimonio

26 oct 2025 . Actualizado a las 05:00 h.

Hai anos que en Vigo falamos sobre como tratar o noso pasado material: o que queda das fábricas, dos oficios, do mar ou do tranvía; dos locais comerciais pechados con rótulos doutra época; dos instrumentos, motores, mobles, apeiros, arquivos persoais e de empresa que, ao morrer quen os coidaba, pasan a mans de herdeiros desbordados ou de administracións sen espazo nin protocolo.

Entre o ideal dun gran museo e a espera pola súa materialización real e a práctica crúa do contedor de obra, existe unha vía realista, útil e urxente: crear en Vigo un almacén de salvagarda patrimonial, un pósito organizado onde gardar, inventariar e protexer os obxectos que hoxe corren risco de desaparecer.

Non falo dun museo. Falo dun lugar de traballo e de coidado, sinxelo e eficiente, que permita deter a hemorraxia do noso patrimonio moble. Un espazo capaz de recibir doazóns e depósitos, de documentar ben cada peza e de conservala en condicións dignas ata que chegue o momento oportuno de restaurala, estudala ou expoñela.

O tempo non xoga ao noso favor. Cada baleirado dunha nave industrial, ou dun vello edificio, cada cambio de negocio, cada herdanza complexa pode significar a perda irreversible de elementos que contan a historia económica, social e técnica desta cidade. A musealización non pode ser a resposta a todo. Moitas pezas teñen valor como fonte para a investigación, como material para exposicións temporais ou como reserva dun futuro relato de cidade. Se non as recollermos hoxe, mañá xa non existirán. A xestión intelixente dese legado pasa por combinar o que temos (museo, arquivos, coleccións públicas e privadas) cun instrumento pragmático que evite a dispersión: un almacén único de referencia.

Un pósito sinxelo, seguro e ben inventariado. A peza clave é unha nave industrial acondicionada con criterios de mínimos necesarios: cuberta estanca, boa ventilación, control básico de humidade e temperatura, iluminación axeitada, seguridade contra incendios e intrusión, baldas e zonas de estiba versátiles. Nada de luxos: funcionalidade e orde. Un inventario rigoroso: cada obxecto entra cun código, fotografías, medidas, materiais, estado de conservación, procedencia, contexto histórico que se coñeza e situación xurídica (doazón, depósito, comodato...); unha localización controlada: zonas temáticas, andeis identificados e planos de planta para non perder nada; conservación preventiva: limpeza básica, embalaxe neutra, vixilancia de pragas, revisións periódicas; acceso con sentido: consultas para persoal investigador e visitas puntuais, a modo de almacén visitable.

No día a día, abondaría con un almaceneiro/a (perfil de museoloxía, patrimonio ou conservación) que lidere recepcións, inventario, coidados básicos e visitas programadas. A dirección estratéxica e os criterios técnicos poderían compartirse cun pequeno consello asesor onde estean o Concello, a Deputación e a Xunta, xunto con expertos e representantes do tecido asociativo.

Trátase de gardar todo o razoablemente almacenable que axude a contar Vigo. A clave é non confundir valor con espectacularidade. Un motor mariño, unha linotipia, un tear, unha colección de ferramentas dun oficio xa desaparecido, un rótulo comercial, moldes industriais, mobiliario dun antigo bar, maquetas, aparellos científicos de instituto, arquivos relevantes... A pegada material da historia de Vigo é un viveiro deses obxectos que a explican mellor ca calquera discurso. Se se precisan pezas para unha exposición, atoparanse catalogadas; se un investigador procura información, terá unha base de datos consolidada; se unha familia non pode conservar unha colección pero tampouco quere que se perda, terá un destino xusto e seguro.

Este modelo contén os custos e multiplica o retorno social. Son cifras asumibles: investimento inicial co-compartido con Deputación e Xunta; gasto corrente ordinario no orzamento municipal de Cultura/Patrimonio. Non renunciamos á ampliación do Museo municipal nin a museos de nova planta. Pero primeiro hai que salvar. E salvar, hoxe, é organizar un almacén e poñelo a funcionar. Cumprirá logo un protocolo claro de ingresos, préstamos e un plan de comunicación que faga do almacén unha causa compartida: que a veciñanza saiba que existe, que pode avisar antes de tirar, que pode achegar memoria.

Vigo precisa un lugar onde o sentimento —«isto non se pode perder»— se converta en método. Hai propostas que piden épica; esta pide iniciativa, disciplina e responsabilidade. E cando volva o debate sobre grandes proxectos, poderemos dicir con tranquilidade: o máis importante xa o fixemos: salvamos o que había que salvar.