A comunidade educativa rendelle homenaxe no centro no que foi profesor poñendo o seu nome ao salón de actos
17 oct 2025 . Actualizado a las 22:53 h.45 anos despois de que Xesús Alonso Montero entrase no instituto Álvaro Cunqueiro de Vigo -popularmente coñecido como Coia 4- para exercer a labor docente, o escritor, ensaísta, catedrático emérito de Literatura Gallega e expresidente da RAG voltou ás aulas que foron un pouco o seu fogar entre 1980 e 1982.
O IES Álvaro Cunqueiro celebrou un acto de homenaxe ao polígrafo de 96 anos (cumprirá 97 a finais de novembro), dándolle o seu nome ao salón de actos e recoñecendo así «o seu compromiso co ensino público, coa palabra, coa lingua e coa cultura deste país».
No acto estiveron presentes compañeiros do homenaxeado, así como os seus fillos Sara e Cuchús Alonso Pimentel, e alumnado e docentes que coincidiron con el nesa época como estudantes ou coma compañeiros. Don Xesús ocupou o centro do escenario do salón de actos que xa é o seu salón, sentado e rodeado de volumes da Enciclopedia Galega.
A homenaxe comezou con música, xa que o coro do instituto vigués cantou Ninguén coma ti, con letra de Xela Arias e partitura de Xaime Estévez. O encargado de recibir ao homenaxeado foi Emilio Gregorio Fernández, primeiro director do IES Álvaro Cunqueiro, e coincidiu con Xulio Gil, prfesor de Matemáticas, fotógrafo e compañeiro claustral de Alonso Montero, quen fixo entrega no nome dos antigos compañeiros e compañeiras do centro unhas fotos. Tamén interviu Lourdes Queimadelos, que foi alumna súa no Coia 4, e falou Malores Villanueva, doutora en Filoloxía Galega e actual directora do IES Álvaro Cunqueiro, quen lle fixo entrega ao seu tamén amigo dunha placa conmemorativa. A filóloga dixo que o obxectivo era homenaxear ao catedrático e que o alumnado do centro estea orgulloso de estudar nun centro onde Xesús Alonso Montero foi profesor.
Entre as autoridades asistiron Manuel Reigosa, reitor da Universidade de Vigo; Valentín García Gómez, secretario xeral da Lingua; Jesús Manuel Álvarez Bértolo, director xeral de Centros e Recursos Humanos; César Pérez Ares, xefe territorial de Educación; Gustavo Lorenzo Prozzo, inspector xefe do Servizo Territorial de Inspección Educativa; Pedro Areal Alonso, inspector do IES Álvaro Cunqueiro; Fina Casalderrey, escritora e integrante da Real Academia Galega; Antón Vidal Andión, presidente da Editorial Galaxia; Xosé Manuel Soutullo, director da Fundación Penzol, o alcalde Abel Caballero e a concelleira Carmela Silva en representación do Concello de Vigo.
Caballero anunciou na homenaxe que unha rúa da cidade levará tamén o nome do profesor como recoñecemento á súa traxectoria docente, cultural e política. «É unha parte fundamental do pasado, do presente e do futuro de Galicia», dixo lembrando que conta co recoñecemento como Vigués Distinguido. Don Xesús, emocionado, agradeceu o detalle que o acercou de novo aos tempos do ensino, roedado de xuventude e afirmou que leva aos institutos no corazón. Ademais de dous en Vigo, estivo previamente 16 anos en Lugo.
Para pechar o acto, os estudantes do Cunqueiro cantaron unha regueifa para o sabio profesor. E trala decuberta dunha placa no centro educativo, os asistentes entonaron o Himno de Galicia.