A historia da cidade é tamén a historia da palabra, da palabra impresa, transmitida e falada
12 oct 2025 . Actualizado a las 05:00 h.Tras o debate aberto sobre a localización do Museo de Historia da Cidade, no que defendín Castrelos como o seu lugar natural, cómpre agora abordar con idéntico rigor o futuro do edificio do Verbum. Porque o problema nunca foi o que facer con Castrelos, senón que facer con ese contedor singular e mal aproveitado que desde hai dúas décadas representa unha das grandes incertezas da política cultural viguesa.
Vigo leva tempo a preguntarse que facer co Verbum. Quizais sexa hora de invertir a pregunta: que pode facer o Verbum por Vigo? E a resposta non está tan lonxe como parece. Temos o máis difícil: un edificio cunha identidade ligada á palabra, á linguaxe e á comunicación, e ao tempo, un conxunto de recursos, coleccións e historias locais capaces de darlle vida a un novo proxecto museístico de enorme potencial.
A historia de Vigo é tamén a historia da palabra. Da palabra impresa, transmitida e falada. Aquí se imprimiu por vez primeira, na histórica imprenta Compañel, o Cantares Gallegos de Rosalía de Castro, obra fundacional da literatura galega contemporánea. E aquí xurdiron, ao longo do século XX, algunhas das principais editoriais do país: Galaxia, Xerais, Cíes, Monterrei, Castrelos, A Nosa Terra... proxectos que foron moito máis que editoriais: verdadeiros motores de creación, normalización e pensamento.
Tamén a cidade foi berce dunha intensa actividade nas artes gráficas. Aínda quedan vestixios (e máquinas que cómpre preservar) de imprentas que foron testemuñas dunha época na que o chumbo, os tipos móbiles e as prensas manuais eran ferramentas esenciais da comunicación. Eses saberes e esa memoria corren hoxe o risco de desaparecer se non se lles dá un lugar onde vivir e contarse.
E non podemos esquecer a prensa escrita e radiofónica. Vigo tivo unha riquísima vida xornalística: xornais grandes e pequenos, vocais de empresas, partidos, sindicatos e asociacións populares. Un verdadeiro termómetro da vitalidade social da cidade. Conservar esa memoria impresarial e documental é tamén unha forma de contar a historia desde abaixo.
O máis salientable desta proposta non é só a súa coherencia temática co edificio do Verbum. É a súa viabilidade inmediata. Vigo conta xa con coleccións e fondos museables que farían posible, sen grandes investimentos, articular un museo da palabra, das comunicacións e da edición con contido real e capacidade expositiva. A principal é a colección Sirvent, unha das máis importantes de Europa en máquinas de escribir. Con máis de 3.000 pezas, restauradas e operativas, é unha testemuña fascinante da evolución tecnolóxica da escritura no último século. Esperta interese internacional e, exhibida con criterio, pode ser un gran atractivo cultural e educativo.
A isto súmase a posibilidade de recuperar maquinaria histórica das imprentas locais, así como arquivos e materiais procedentes das editoriais da cidade. Unha sección dedicada á prensa local, cos seus titulares, cabeceiras, crónicas e deseños, permitiría contar a historia social e política de Vigo a través do que se publicou e como se publicou, así como un impresionante arquivo sonoro procedente dos arquivos das empresas radiofónicas.
Tamén existen fondos relacionados coas telecomunicacións, que reforzarían o eixo temático da palabra «transmitida»: a historia da ETEA representa un capítulo fundamental na tecnoloxía militar e civil da comunicación en Galicia. Durante décadas, Vigo foi sede dunha institución pioneira, e boa parte do seu patrimonio material podería ser recuperado con vontade política e colaboración interinstitucional. E como esquecer o cable inglés e o cable alemán, símbolos da conexión transoceánica de Vigo co mundo. A instalación do cable submarino co Reino Unido en 1873, seguida da competencia alemá en 1896, colocaron a cidade como nodo estratéxico de comunicación global. A súa historia, que deixou pegadas urbanas, laborais e sociais, merece tamén un espazo museístico.
A forza desta proposta reside en algo simple pero decisivo: é museoloxicamente coherente. Todos os elementos (palabra escrita, impresa, falada e transmitida) forman parte dun mesmo universo temático. Son tecnoloxías da comunicación. Son linguaxes que definen as nosas sociedades. Son historias que poden exhibirse, documentarse e activarse. Un museo da palabra e das comunicacións permitiría, ademais, conectar tradición e contemporaneidade: desde os tipos de chumbo ata os primeiros ordenadores persoais; desde os panfletos sindicalistas impresos no clandestino ata a mensaxería instantánea. Sería un museo do pasado, pero tamén da evolución tecnolóxica e social da maneira en que falamos, escribimos, pensamos e nos relacionamos. E tería unha dimensión participativa, con espazos para obradoiros de impresión tradicional, edicións especiais, gravado tipográfico, escritura mecánica... O Verbum converteríase nun museo vivo, onde non só se mira, senón que tamén se fai, se escribe, se imprime, se comunica. A cidade precisa museos con sentido. E neste caso, hai contido, tradición, memoria, espazo. Tan só falta decisión. Recuperar o Verbum como un museo da palabra e das comunicacións non é improvisar: é aproveitar. É tomar aquilo que temos e darlle forma institucional, pedagóxica e expositiva.
* O autor deste artigo de opinión, Rafael Ojea Pérez, foi funcionario técnico superior de Cultura e Educación do Concello de Vigo, xefe do Servizo de Patrimonio Histórico, e do Servizo de Educación e director da EMAO. Actualmente está xubilado.