O día en que as nais se ergueron

Francisco Castro
FRANCISCO CASTRO ESCRITOR E MÚSICO

VIGO CIUDAD

Hai 40 anos comezaba a súa andaina, na cidade de Vigo, Érguete, unha asociación de nais que vían caer coma moscas os seus fillos por unha droga que, nos anos oitenta do século pasado, estaba por todas as partes. As autoridades políticas do momento ollaban cara a outro lado. Incluso aquel home culto, tradutor de Wittgenstein, que foi Enrique Tierno Galván tivo a ocorrencia de, nun bando das festas de Madrid, soltar aquel «A colocarse!» que hoxe, directamente, o levaría á Audiencia Nacional. Lembro aquel Vigo en branco e negro, de reconversión industrial e humidade, e os amigos do barrio caendo polo cabalo, morrendo antes de tempo, desaparecendo.

O sistema xudicial e policial de hai corenta anos non era quen, ou non lle puña a enerxía suficiente, de acabar cos grandes narcos. Todos sabían os seus nomes. Todos sabían onde tomaban café ou fumaban puros. Todos sabían as estrañas relacións que incluso tiñan co poder. Mais, malia sabelo, ninguén facía nada. E Tote, Juan, Miguel, José Manuel, David, rapaces que coñecín, morrían nos cuartos de baño dos bares do meu barrio de Teis cunha agulla cravada nunha vea chea de preguntas.

Tiveron que ser as nais, quen se non?, as que se puxesen á fronte da pelexa. Tiveron que ser elas as que se chantaron diante dos pazos ostentosos construídos polos narcos co cemento do sangue e a bile de tanto morto, para berrar ben alto: «Sabemos os vosos nomes, coñecemos as vosas caras. Podedes coa policía. Podedes cos xuíces. Pero non ides poder coas nais galegas que estamos aquí». Erguéronse. E eles caeron.

A Asociación Érguete demostrou como, cando a sociedade civil se organiza, ao Estado non lle queda outra que reaccionar e actuar. Durante anos asumíase que a droga era algo que estaba por aí e que nada se podía facer. Se lle tocaba ao teu fillo, mala sorte. As nais de Érguete demostraron que si que se podía facer algo. Que a sorte nada tiña que ver. Que era un negocio. E darlle a volta a todo.

Coma sempre, foron as mulleres de Galicia, as nais. Coma na praza de Maio na Arxentina, ou as mulleres de negro nos Balcáns, ou as nais de Srebrenica, ou as mulleres da praza da Paz en Corea do Sur, ou as nais da praza dos Desaparecidos en México.

Elas son guieiro. Quizais agora, nestes tempos nos que o fascismo volve cheo de violencia, poderiamos tomar exemplo de todas elas, ocupar o espazo público e loitar para que ese novo «cabalo» en forma de destrución de dereitos, non nos leve, tamén, como pasou coa xeración perdida, por diante.

Loitar coma nais feridas. Loitar polo noso.