A Feira do Libro festexará «O Vigo de Leo Caldas» cunha andaina polos escenarios das novelas de Domingo Villar

La Voz VIGO / LA VOZ

VIGO CIUDAD

A poeta Branca Trigo firmou exemplares despois de ler o pregón da Feira do Libro de Vigo.
A poeta Branca Trigo firmou exemplares despois de ler o pregón da Feira do Libro de Vigo. Oscar Vázquez

Pedro Feijoo e Guada Guerra guiarán o roteiro literario dentro do programa do evento que comeza hoxe na Alameda con 21 casetas

01 jul 2025 . Actualizado a las 15:33 h.

A Praza de Compostela acolleu hoxe a inauguración da Feira do Libro de Vigo 2025. O evento, que contará coa participación de 21 casetas de librarías, editoriais e institucións, estenderase ata o 7 de xullo cun programa de actividades que inclúe presentacións literarias, sinaturas, obradoiros, roteiros, contacontos e espectáculos escénicos. 

 O acto inaugural tivo lugar esta mañá coa lectura do pregón a cargo da poeta Branca Trigo, que deu o pistoletazo de saída a sete días nos que Vigo será, máis ca nunca, un lugar onde florecen os libros.

Ao longo da semana, o público poderá asistir a presentacións como a de Fora de foco de Cristina Pato, a charla entre as escritoras Guada Guerra e Estela Gómez, moderada por María Nieto, ou Onde nacen as bestas de Pedro Feijoo, entre moitas outras. A programación contempla tamén espectáculos familiares, obradoiros de reciclaxe e de iniciación ao cómic, mesas redondas sobre temas como a violencia machista na narrativa, e conversas literarias.

 A caseta de cada libraría acollerá sinaturas continuas con autoras e autores como María Oruña, Francisco Narla, Ledicia Costas, Pedro Feijoo, Paula Carbonell ou Antía Yáñez, reflectindo a diversidade e vitalidade da literatura galega actual.

 Lembrar a Domingo Villar

 A Feira do Libro de Vigo dedica este ano un espazo moi especial á memoria do escritor vigués Domingo Villar, falecido en 2022. O sábado 5 de xullo ás 12.00 h terá lugar o roteiro literario O Vigo de Leo Caldas, unha andaina polos escenarios reais das súas novelas, guiada por Pedro Feijoo e Guada Guerra. As prazas son limitadas e xa están esgotadas, reflexo da enorme pegada emocional que Villar deixou na súa cidade.

O domingo 6 de xullo, tamén ás 12:00 h, celebrarase unha lectura pública da obra de Domingo Villar, na que lectoras e lectores darán voz aos seus textos máis emblemáticos nun acto colectivo de lembranza e afecto.

 Con estas iniciativas, a Feira rende homenaxe a un dos autores máis queridos e recoñecidos da narrativa galega contemporánea, cuxo legado continúa vivo nas rúas da súa cidade natal.