
A cidade de Vigo conmemora con varias exposicións o 75 cabodano do intelectual galeguista
23 jun 2025 . Actualizado a las 05:00 h.No 75 cabodano de Castelao, Vigo acolle tres exposicións centradas en distintos aspectos do intelectual galeguista. A máis recente foi inaugurada o pasado venres no Espazo EMAO, na Escola Municipal de Artes e Oficios. Neste caso, o alumnado e mestres das diferentes especialidades da Escola presentan a súa particular visión deste personaxe universal.
O proxecto está comisariado polo profesorado das especialidades de serigrafía artística e talla e escultura en madeira da Escola municipal de Artes e Oficios. Explican dende a EMAO que, ao remate de cada curso académico, producen unha exposición cos resultados dun proxecto que, partindo dunha idea xeradora única, dea lugar a interpretación, despregue do traballo e saber facer dos distintos talleres. Neste ano, a escola e as súas especialidades renderán homenaxe, no Ano dedicado a Alfonso Daniel Rodríguez Castelao polo 75 cabodano do seu pasamento, ao polifacético persoeiro da cultura e da política, figura clave na historia recente do noso país, e considerado un dos fundadores da Galicia contemporánea.
En paralelo á exposición, nas vitrinas do corredor da biblioteca da EMAO pódense contemplar algunhas das súas obras bibliográficas, pertencentes aos fondos da Biblioteca da Escola.
Esta exposición estará aberta ata o 17 de outubro de 2025, aínda que pechada o mes de agosto. Pódese visitar, ata o 30 de xuño, de luns a venres, laborables, de 19.00 a 21.00 horas, e do 1 de xullo ao 12 de setembro (agosto pechado), de luns a venres, laborables, de 10.30 a 13.30 horas. Xa do 15 de setembro ao 17 de outubro, de luns a venres, laborables, de 19.00 a 21.00 horas.
Ademais, a Pinacoteca Francisco Fernández del Riego mostra, ata o 31 de agosto, Impresións de Castelao en Vigo, comisariada por Miguel Anxo Seixas e José Luis Mateo. Neste caso, a exposición repasa a presenza do rianxeiro en Vigo, a súa vinculación profesional con varios xornais locais, a faceta política e algunhas curiosidades, como a súa participación, como debuxante, na primeira visita arqueolóxica feita por expertos aos restos castrexos do Castro.
E, ata finais do presente mes, a Fundación Penzol mostra na Casa Galega da Cultura unha exposicio?n conmemorativa dos oitenta anos da publicacio?n de Sempre en Galiza e da constitucio?n do Consello de Galiza. Sempre en Galiza é unha referencia obrigada do galeguismo ata a actualidade.