Ánxeles Rivela: «A inclusión non é para os nenos de educación especial, é para o resto»

Bibiana Villaverde
bibiana villaverde VIGO / LA VOZ

VIGO CIUDAD

XOÁN CARLOS GIL

Promotora da integración nas aulas,  a mestra foi directora 17 anos do CEIP Seis do Nadal, co que segue a colaborar trala xubilación: «Se os separamos no cole, cando os volvemos xuntar?»

14 jun 2025 . Actualizado a las 05:00 h.

«Eses nenos van morrer». Esa frase quedou gravada na cabeza de Ánxeles Rivela (Laza, 1957). A mestra escoitouna cando, nun programa de teatro escolar, xuntou aos seus alumnos do CEIP Seis do Nadal con rapaces doutro cole de Vigo. «Cando chegaron os do outro cole e viron aos nosos alumnos en cadeira de rodas empezaron a chorar. Escapaban asustados berrando e preguntando se ían morrer, que por que estaban enfermos». Cunha merenda e unha breve explicación, uns e outros amigaron e pasaron unha divertida xornada de teatro. Esta situación nunca tería acontecido entre os alumnos do centro Seis do Nadal, referencia de inclusión en Galicia grazas ao labor desta docente que leva dende os anos 80 educando en igualdade e que vén de xubilarse.

Ata o exadestrador do Celta, Eduardo Berizzo, fraqueou no CEIP Seis do Nadal. Conta a mestra que nunha visita do club ao cole, o técnico saíu da aula con bágoas nos ollos, emocionado. Os alumnos con dificultades motrices escoitaban atentos. Non podían xogar ao fútbol, pero si emocionarse co deporte, ao igual que o resto dos seus compañeiros. «Non existen as aulas homoxéneas, sempre hai alguén que non é homoxéneo, aínda que non haxa nenos con diversidade funcional. Unha aula ten que ser como unha orquestra, non todos teñen que tocar á vez, a veces entra un instrumento ou outro, e cada un ten o seu instrumento, a súa realidade».

Impulsou a primeira normativa de integración nas aulas en Galicia, que se publicou no DOG no ano 1985. Ánxeles estaba recén chegada de Madrid, onde descubrira o mundo da educación especial, no cole María Montessori de Parla. Á capital chegou esta ourensá recén graduada en Educación, con especialidade de Francés, materia da que non impartiu nin unha soa hora en corenta anos de carreira. «Cando cheguei ao primeiro cole preguntáronme si quería ser a logopeda. Tiven que ir á enciclopedia verde de Espasa a ver en que consistía ese traballo». Un mes despois xa se especializara en Audición e Linguaxe.

Xa en Galicia, foi destinada a Ortigueira e alí impulsou, xunto a outros docentes comprometidos, a primeira regulación que decretou aulas de integración en cinco colexios de Galicia, en Vigo no Escultor Acuña, para nenos con xordeira, e o Seis de Nadal, para nenos con dificultades motrices. Neste último foi directora durante 17 anos, ata a súa xubilación. «Naquel momento eran aulas específicas, un caixón de xastre onde estaban todos os nenos con dificultades xuntos. Había moita variedade no alumnado e era complicado para o profesorado. Conseguimos que houbera nas aulas tamén un profesor auxiliar». Foi a primeira fase, que os nenos formaran parte do cole, nunha aula aparte. Co esforzo de mestres comprometidos acadaron a incorporación destes rapaces ás aulas ordinarias durante unhas horas.

Hoxe, a norma decreta que a educación sexa dentro da aula para tódolos alumnos e toda a xornada lectiva. «Dóeme que se creen malchamadas aulas inclusivas, por exemplo para nenos con trastorno do espectro autista. Esas son aulas exclusivas, non inclusivas». A experta explica que a inclusión debe facerse nun mesmo espazo, cun sistema de cotitorías no que dous docentes traballan con tódolos alumnos e no que se crean itinerarios adaptados ás diferentes realidades dos alumnos. «A inclusión nas aulas non é para os nenos de educación especial, é para o resto. Os demais son os que aprenden a vivir con xente diferente, a ser solidarios, a levar unha cadeira de rodas...».

«Se se quere, créase»

A docente naceu en Laza, no lugar de Soutelo Verde. Alí empezou a ir ao cole con só catro anos. A mestra do lugar vivía na pensión familiar, así que a pequena Ánxeles empezou a ler antes que os compañeiros da súa idade. Recorda como o colexio incluía a rapaces de tódalas idades, incluso algún adulto, e tamén aos que tiñan algunha necesidade específica. Era o habitual. Hoxe, a educación é máis ambiciosa que nese momento, plantexa contidos estandarizados e esixe uns niveis obxectivos que todos os alumnos deben cumprir. Considera a experta que habería que facer unha revisión cos nenos de necesidades especiais, aos que non se debe avaliar co mesmo sistema.

Nos outros ámbitos, a inclusión nas mesmas aulas non ten que supoñer un problema. «Hai estudos que demostran que a inclusión non baixa o rendemento educativo», explica quen alerta de que hai ámbitos nos que se está retrocedendo. «Os nenos poden facer o reforzo de Audición e Linguaxe dentro da aula, non hai que sacalos a un despacho que parece unha consulta médica». Ademais de comprometer aos docentes, é importante que se comprometan as familias, explica. «O primeiro é querer. Cando algo se quere, créase. Hai unha frase que temos no cole que reflicte moi ben esta cuestión: ‘Se os separamos no cole, cando os xuntamos’».

A súa canción favorita

«Tempestades de sal», de Sés. «É unha canción que é dunha muller loitadora e que se pode aplicar tamén á inclusión. Salvo casos moi puntuais, case todo se pode resolver na aula. Hai que traballar conxuntamente nos centros, cos docentes e as familias, tender pontes para que a inclusión sexa unha realidade».