A pegada de Castelao en Vigo

Jorge Lamas Dono
jorge lamas VIGO / LA VOZ

VIGO CIUDAD

M.MORALEJO

A Pinacoteca acolle unha mostra sobre a presenza do rianxeiro na cidade

07 jun 2025 . Actualizado a las 05:00 h.

«Castelao gañou moita transcendencia grazas a Vigo polas súas publicacións en Vida Gallega», dixo Miguel Anxo Seixas na apertura da exposición Impresións de Castelao en Vigo, que se pode ver na Pinacoteca Francisco Fernández del Riego ata o 31 de agosto. Co comisariado do propio experto na figura do poliédrico galeguista xunto a José Luis Mateo, membro do Instituto de Estudios Vigueses, a exposición repasa a presenza do rianxeiro en Vigo, a súa vinculación profesional con varios xornais locais, a faceta política e algunhas curiosidades, como a súa participación, como debuxante, na primeira visita arqueolóxica feita por expertos aos restos castrexos do Castro.

Alfonso Daniel Rodríguez Castelao tivo unha intensa relación con publicacións periódicas, como Vida Gallega, Galicia ou El Pueblo Gallego, onde publicou numerosas viñetas. Os orixinais de moitas delas pódense ver na exposición.

As pezas expostas pertencen nunha gran maioría ao fondos do Museo Municipal Quiñones de León. Tamén hai unha importante achega de particulares. José Luis Mateo subliñou a importancia da Editorial Galaxia e as editoriais dos irmáns Álvarez Blázquez na divulgación da obra de Castelao.

Unha parte da exposición está adicada á faceta política do protagonista. Recóllese nela a súa presenza tanto na campaña a prol do estatuto de autonomía, como en diferentes actos do Partido Galeguista, como a comida na Barxa onde compartiu alocución co seu amigo Valentín Paz Andrade o 25 de xullo de 1931.

O percorrido expositivo foi resolto polos comisarios coa presenza de espazos xenéricos, como o que está dedicado a amizade de Castelao con Hipólito Reguenga, a quen lle fixo unha caricatura. Hai numerosas serigrafías da obra máis coñecida do intelectual nado en Rianxo. E tamén aparecen algúns obxectos vencellados a súa obra, como unha máscara empregada na obra de teatro Os vellos non deben namorarse.

Un dos apartados está presidido por un rueiro antigo da cidade, sobre o que os comisarios engadiron fotografías a modo de roteiro da presenza de Castelao, en diferentes momentos da súa vida, en Vigo.

O alcalde de Vigo, Abel Caballero, felicitou aos comisarios durante a inauguración pola calidade da «grande exposición» que consegue que «Castelao continúe aquí», e agradeceu o traballo e a colaboración das entidades e familias que puxeron a disposición da mostra as pezas que a conforman.

A mostra pode verse os sábados de 12.00 a 14.00 e de 18.00 a 21.00 horas; os domingos, de 12.00 a 14.00 horas; os martes e xoves, de 18.00 a 21.00 horas; e os mércores e venres, de 11.00 a 14.00 e de 18.00 a 21.00 horas.