Vigo presenta unha nova obra de Jules Verne en galego

La Voz VIGO / LA VOZ

VIGO CIUDAD

Cedida

A sociedade que leva o nome do escritor francés e difunde o seu traballo publica «Os amotinados da Bounty»

26 may 2025 . Actualizado a las 05:00 h.

A Sociedade Jules Verne de Vigo (SJVV) continúa a súa misión de difusión da obra do célebre escritor francés coa publicación da primeira versión en galego de «Os amotinados da Bounty», un relato do ano 1879 que nunca fora traducido a este idioma.

A presentación oficial terá lugar hoxe, ás 20,00 horas, no salón de actos da Escola Municipal de Artes e Oficios, situada na avenida de García Barbón, número 5, con entrada libre para o público.

Este relato, publicado por primeira vez no Magasin d'Éducation et de Récréation, e posteriormente en formato libro, non é unha obra de ficción, como foi costume na obra do francés. Verne baseouse no traballo do xeógrafo Gabriel Marcel, con quen xa colaborara en estudos sobre os grandes navegantes do século XVIII. A historia narra o motín da fragata Bounty, ocorrido en abril de 1789, cando a tripulación se rebelou contra os métodos severos do capitán mentres navegaban cara a Tahití. Finalmente, os amotinados desembarcaron ao capitán e buscaron refuxio nas illas do Pacífico.

A historia foi levada ao cinema en diversas ocasións, con adaptacións protagonizadas por Errol Flynn (1933), Clark Gable (1935), Marlon Brando e Trevor Howard (1962) e Mel Gibson xunto a Anthony Hopkins (1984).

Con esta nova edición, a Sociedade Jules Verne de Vigo reforza o seu proxecto de publicación anual de obras do autor, promovendo o acceso en galego a títulos clave da súa bibliografía. Entre os traballos previos que xa viron a luz destacan: «A baía de Vigo», capítulo de 20.000 leguas baixo dos mares; a investigación «Vigo na obra de Verne. Máis aló de 20.000 leguas», de José Garabatos, quen identificou numerosas referencias á cidade; a edición galega de «Doutor Ox» e «Un drama nos aires», ambas publicadas en anos anteriores.

A Sociedade Jules Verne de Vigo, fundada en 2012, traballa activamente para difundir a relación do autor coa cidade, que visitou en dúas ocasións, no 1878 e no 1884. Agora, a entidade está organizar o Congreso Internacional Verniano, que terá lugar en Vigo no ano 2028, coincidindo co bicentenario do nacemento do inmortal escritor. O evento contará coa participación de especialistas de todo o mundo e contará tamén coa colaboración da Sociedade Hispánica Jules Verne, consolidando a cidade como un referente mundial na investigación e divulgación da obra do autor.