De modelar para marcas a construír con barro: «A cerámica é infinita»

Bibiana Villaverde
bibiana villaverde VIGO / LA VOZ

VIGO CIUDAD

M.MORALEJO

Peixe Nero é a marca da debuxante e ceramista Nerea Carpente Tielas, que crea pezas de arxila e que iniciou unha investigación para aplicar os procesos que coñece na reforma da súa vivenda

18 may 2025 . Actualizado a las 01:45 h.

Pensar. Debuxar. Observar. Modelar. O proceso creativo de Nerea Carpente Tielas (Vigo, 1989) vai lento e non é compatible coa présa da vida contemporánea. Esta graduada en Belas Artes decidiu acompasar os seus ritmos vitais aos das fases da modelaxe e cerámica. De Vigo mudouse a Covelo onde, ademais de tranquilidade, atopou inspiración para os deseños que crea baixo a marca Peixe Nero. Obras que chamaron a atención de marcas como Adolfo Domínguez que, ademais de comercializar xoias asinadas por esta artista, tamén contou con ela para campañas publicitarias. No sur da provincia de Pontevedra instalou a ceramista a súa vida e o seu taller e tamén alí imparte cursos de manexo da arxila e barros.

Precisamente este material está a centrar os seus últimos traballos que, non son no torno oleiro, senón na construción da vivenda que ela e a súa parella reforman. Grazas aos seus coñecementos sobre o material que leva anos manipulando, iniciou unha investigación que está a aplicar nas paredes interiores da súa casa. «Unha vivenda é como a cerámica, ten un carácter infinito e podes rematar as cousas de moitos xeitos. Aquí sempre se empregaron estes materiais, pero agora ademais podemos aplicalos cos coñecementos actuais. Son máis económicos e son recursos próximos. Quero crear unha casa estanca, onde non entre humidade».

A parte construtiva vai en paralelo aos encargos de cerámica que recibe. Nerea Carpente decidiu traballar baixo pedido, así o fixo nas colaboracións con marcas de moda e así segue a ofrecer as súas pezas aos clientes particulares. «Para min é importante sentir que estou ofrecendo pezas que van acompañar as persoas na súa vida cotiá». Cuncas, xerras ou xoias que crea sen présa, desafiando ao tempo e aos imperativos da produción industrial. Pezas que non son para consumir, senón para conservar. «Eu podo aportar a maiores o debuxo, que é a miña especialidade académica. Moitas veces encárganme algunha con formas que son especiais para o cliente, é habitual que me pidan retratos».

As creacións que deseña foron virando do mar ao monte. As xestas e herbas que a acompañan nos paseos polo río en Covelo son protagonistas das pezas que modela primeiro e que, despois, lle serven como lenzo. Os tempos da arxila marcan o ritmo. Cada forma precisa dúas coccións, de entre oito e dez horas cada unha. Antes do forno hai que deseñar, manipular o barro e darlle forma e, despois da cocción, queda o debuxo e o acabado. Unha peza pode supoñer unha media de máis de vinte horas de dedicación. A parte creativa vai marcada pola experiencia da artista, que se fascinou con esta práctica na Escola de Artes e Oficios de Vigo, coas leccións de Miguel Vázquez.

Estudou Belas Artes e fixo un máster de investigación e debuxo. Pero cando descubriu a cerámica, xa non houbo retorno. Perfeccionou o seu saber en Italia, na escola La Meridiana e tamén foi unha das fundadoras do Espazo Balea xunto a outras compañeiras, no ano 2018. Unha formación que complementou no taller de Nano Unzueta, experimentando sobre o proceso de cocción e os esmaltes. «O contacto coa arxila engancha. O torno ten algo vicioso. É comparable cun instrumento musical. Tes que obsesionarte un pouco, meterlle moitas horas, e chega un punto no que consegues facer o que ti queres», explica.

Cerámica social

O traballo do artista é solitario, pero non sempre. Nerea Carpente imparte clases de cerámica dende hai anos a persoas interesadas no manexo dos barros. «Hai un bum en xeral do consumo de experiencias, tamén de experiencias cerámicas. Unha vez que probas, dáste de conta do terapéutico que é. Tamén é importante dar cun grupo co que conectes». Ela presume de ter aprendido e medrado no traballo colectivo, con outros artistas e mestres. En Covelo, imparte cursos de tres horas de duración nos que da tempo a moldear, pero tamén a charlar e compartir experiencias. «Unha mesma fórmula, en diferentes mans, da diferentes pezas. Poden estar cinco persoas facendo cinco cuncas e todas serán diferentes. Eu vou acompañando e propoñendo, pero cada unha ten as súas ideas». O importante non só é o resultado, senón o feito de parar para crear, a grande lección desta artista que ensina como amasar o día a día.

A súa canción favorita

«Dona Alvela», de Faia Díaz. «É un disco que conecta coa maternidade. Eu, que xa cantaba romances cos meus pais, agora estou experimentando coa miña filla. O tema fala do momento do parto e da conversión en mamá, que é un proceso que está rodeado de moitas emocións que reflicte esta canción».