Beatriz Bruna, espeleóloga: «O 100 % da superficie da Terra está estudada, pero non no seu interior»

VIGO CIUDAD

A viguesa dá un paso atrás logo de pisar en covas onde ninguén entrara e tras dirixir 18 anos o club Aradelas. «Deixo a xestión, no deportivo seguirei mentres o corpo aguante», di
04 may 2025 . Actualizado a las 01:19 h.O apagamento desta semana non foi nada traumático para Beatriz Bruna (Vigo, 1965). Está afeita a moverse na escuridade de espazos onde nunca entrou a luz; covas e buracos subterráneos nos que, moitas veces, nin sequera pisou ningunha persoa. «Estou preparada, tiña tres lanternas frontais na casa e o meu propio casco». Esta espeleóloga acaba de deixar a directiva do club Aradelas de Vigo tras 18 anos como presidenta dunha das agrupacións máis antigas de Galicia. Iso non significa que Bruna renuncie, a súa fascinación pola exploración segue intacta, tras máis de trinta anos de práctica nos que descubriu cavidades descoñecidas e cartografou as furnas das illas Cíes e Ons.
Arquiveira de profesión e historiadora, integrante do Instituto de Estudos Vigueses, foi a súa curiosidade innata a que a fixo interesarse por este deporte cando era unha adolescente. «Sabía que a miña familia non ía ver ben que marchara unha fin de semana enteira por aí, así que agardei ata ser independente e ter a miña vida». De volta en Vigo tras estudar a carreira, atopouse cun dos espeleólogos máis experimentados, que acabou sendo tamén a súa parella, e emprendeu a súa propia exploración vital. «Xa perdín a conta das exploracións. Ao principio si que a levaba, ata que descubrín que xa non me facía ilusión a cantas ía, senón a cales».
Ao contrario do imaxinario que acompaña a este deporte, a Bruna non lle atraen tanto as covas de estalactitas e estalagmitas, de pedra caliza, como as cavidades subterráneas traballadas pola auga, con ríos baixo terra e meandros con formacións propias do líquido en circulación. «Chegas a ver na rocha as mesmas ondiñas que fai a auga na area da praia», explica.
Lixo nas entrañas da Terra
Nos vindeiros meses fará, xunto co seu equipo, unha baixada ás cavidades das Illas Atlánticas para retirar o lixo existente nas furnas. «Acumúlanse obxectos que levan as mareas como aparellos de pesca, porexpán e mesmo chancletas de praia». Contaminantes que se depositan incluso onde non pisou ninguén. Son espazos onde non acceden nin mariñeiros nin percebeiros e que están prohibidos para visitantes, pero accesibles para espeleólogos. De feito, esta experta ten catalogado furnas de ata 43 metros de profundidade e, xunto con compañeiros do clube Aradelas, fixo a instalación de rescate en vertical nun espazo tan icónico como O Burato do Inferno, en Ons, por si alguén puidera precipitarse pola fenda terrestre.
No Courel foi a primeira persoa en pisar nunha cova máis profunda do que estaba documentado. A espeléologa escarbou coas propias mans un tapón de barro e accedeu a un lago descoñecido. «O 100 % da superficie da Terra está estudado e fotografado por satélites, pero non no seu interior. Tiven a oportunidade de forzar dous pasos e acceder a unha cova cun meandro que acababa nunha sala cun pozo, tamén outra que acababa nun lago onde pisei antes que ninguén». Ese afán de ir máis alá segue intacto.
A espeleoloxía é un deporte que se pode practicar toda a vida. «Aos meus 60 anos, deixo a xestión do club, pero no deportivo seguirei mentres o corpo aguante». A cova máis longa do mundo ten 600 quilómetros, está en Kentuky, en Estados Unidos. A sima máis profunda atópase en Georgia e mide dous mil metros de alto, 28 veces a Cidade da Xustiza de Vigo. Estas exploracións son xa retos demasiado esixentes, pero quedan moitos outros espazos nos que profundar. «Teño pendente ir á Cova Aradelas, en Lugo, que dá nome ao club, porque acaban de descubrir unhas novas galerías que quero visitar cando acaben de cartografalas».
A pesares de moverse en espazos angostos e de estar suspendida a centos de metros de altura, asegura que nunca viviu unha situación de risco real. «A espeleoloxía ten unha fama inmerecida de perigo. Nunca houbo en Galicia un accidente importante, ao mellor unha lesión de torcedura de nocello». A espeleoloxía é, ademais, unha práctica social, na que as expedicións implican días de viaxe e facer noite en instalacións comúns. «Ás veces ata compartimos sacos de durmir, como o sistema de cama quente».
É un deporte de equipo, no que ninguén queda atrás. «Sempre se vai ao ritmo da persoa máis lenta, se lle bota unha man e non se avanza ata que se xunta todo o grupo. Os que instalan en vertical son persoas nas que se confía a vida porque son as que colocan esa corda pola que vas descender». Un espírito de equipo que esta muller practicou tamén na xestión durante 18 anos ata que cedeu a presidencia e asumiu a secretaría para dar un relevo suave nun dos clubs máis senlleiros da comunidade. «As organizacións necesitan cambios e outras ideas. Era o momento de dar un paso atrás». Segue como socia e participa das expedicións, tratando sempre de ir máis alá nun deporte non apto para claustrofóbicos.
A súa canción favorita
«Maneras de vivir», de Leño. «Converteuse no 2013 nunha canción dos exploradores de Andalucía, empregárona para un vídeo de espeleoloxía. Amósanse as facetas que facemos. E coincide ben porque isto é un xeito de vivir, tenche que gustar. Este tema é moi representativo da parte dura e é xa un himno para nós».