Mar Caldas: «As mulleres son as gardadoras da memoria familiar e das fotografías»

VIGO CIUDAD

A súa exposición no CGAC céntrase na perspectiva de xénero e de clase: «Hai imaxes que fan historia e tamén reclaman xustiza porque rompen co silencio de décadas», di a profesora da Universidade de Vigo
13 abr 2025 . Actualizado a las 01:28 h.Dende Leonardo da Vinci ata Annie Leibovitz, os retratistas teñen a responsabilidade histórica de amosar á persoa no seu contexto. Mar Caldas (Vigo, 1964) non se considera retratista, nin tampouco fotógrafa, pero as obras desta doutora en Arte, que dá clase ás novas xeracións de artistas na Universidade de Vigo, transcenden ao tempo. A mostra que a residente en Covelo expón ata finais de maio no Centro Galego de Arte Contemporáneo, en Santiago, ten a misión de facer xustiza. Xustiza de xénero, pero tamén histórica, pasando pola xustiza de clase.
Chamarlle instantáneas non sería correcto. Son momentos moi traballados, nos que antes de capturar a luz, Caldas estudou onde e quen, tamén como e por que. «Son artefactos, cousas construídas. As miñas fotografías teñen sempre unha aparencia de teatralidade e certo artificio. Son ideas moi pensadas nas que aplico as normas tradicionais de composición dentro do plano», explica. A maioría son imaxes tomadas en Bueu, nas que retrata a mulleres de profesións moi feminizadas, que contribuíron historicamente ao desenvolvemento da vila co seu traballo. «Non son retratos nin son paisaxes, máis ben territorio», explica. Redeiras, mariscadoras, agricultoras ou colleitadoras de kiwis convértense no centro da imaxe pero tamén da economía local. De aí o nome da mostra: «Mulleres, traballo e memoria».
Así como o relato social da historia foi cousa deles, Caldas defende a labor invisible de memoria de portas para adentro. «As mulleres son as grandes gardadoras e transmisoras da memoria familiar e tamén das imaxes. Son as que gardan e mostran o álbum e van contando moitas historias segundo o van amosando». Tamén esa faceta se reflicte na exposición no CGAC, na que Caldas recolle a súa propia historia.
O avó materno de Mar, José Caldas Iglesias, foi concelleiro do PSOE na República, un compromiso político polo que foi asasinado. No ano 1937 non había lugar para a discrepancia e o franquismo deixou orfa á nai de Mar Caldas con solo dous anos. A partires de aí, nas fotos familiares falta o pai e marido, nunca máis puideron ter unha fotografía familiar con tódolos integrantes. Esa reflexión provocou un proxecto cultural na rúa Privada Moderna de Vigo, no ano 2023. A artista proxectou alí fotos históricas e reflexións que agora forman parte da obra exposta en Santiago. Na mostra hai, ademais, imaxes nas que diferentes persoas posan nunha cadeira valeira colocada diante desa foto de familia na que falta xente. «Hai fotografías que fan historia e tamén reclaman xustiza, porque volven sobre a verdade, esa parte de reparación, e rompen co silencio de décadas».
90 % de alumnas, eles expoñen
Esta creadora defende o poder da imaxes históricas e familiares, no individual e no colectivo. «As fotografías familiares son arquetípicas. Todos temos imaxes das mesmas situacións, nas que todo o mundo se identifica. Cando ves as fotografías que se facían cunha tea nas feiras, son obxectos que chaman moito en xeral». Ela mesma fixo unha serie de retratos á antiga usanza entre veciñas anónimas de O Rosal, ás que invitaba a posar nun decorado durante un día de feira. Algunhas desas imaxes forman parte tamén da mostra.
Á vez que reclama un centro en Vigo e en Galicia dedicado á fotografía, Caldas traballa por dar visibilidade a colegas e alumnas de Belas Artes. Vén de participar no proxecto «Altas Luces», un documental de Illa Bufarda que reflicte a arte fotográfica e o desexo dende unha ollada feminista que tamén pretende pór en valor a figura de pioneiras galegas desta disciplina. Faltan nomes. Mary Quintero é unha das poucas referentes, pero hai creadoras de instantáneas como Cándida Otero, que compartiu estudio con Filippo Prosperi e logo con Pacheco, que quedaron esquecidas. Para que as novas xeracións non sufran o mesmo, Caldas exerce de comisaria e apoia a artistas novas que destacan. «O 90 % das alumnas nas facultades son mulleres, pero a profesión está moi masculinizada. Os lugares de máis recoñecemento na arte e os premios de maior importancia son para os homes».
A nena que empezou con 7 anos a facer fotos na casa, cunha máquina antiga, traballa agora coa tecnoloxía, pero anima a mirar atrás, ás imaxes privadas da historia familiar. «Hai que preguntar ás persoas máis maiores, para que nos conten das fotos. Hai que facer falar esas imaxes e sacar a gravadora. Detrás dos retratos, que parecen mudos, hai moita historia», reivindica. Facer falar as fotos é un arte que Mar Caldas domina, corresponde ao espectador deterse a escoitalas.
A súa canción favorita
«Músicas populares de la Guerra Civil», de Antonio Bravo e Germán Díaz. «Estes músicos fan o que eu tamén pretendo coa arte, que é vincular pasado con presente. Non ver o pasado como algo morto, finiquitado, senón velo dende o presente e empregar técnicas e formas artísticas actuais para relatalo».