Unha escolma de vocabulario reivindica máis ciencia en galego dende a Universidade de Vigo

La Voz VIGO / LA VOZ

VIGO CIUDAD

cedida

Os docentes e investigadores Xosé Manuel Pacho, Manuel Ángel Pombal e María Cabaleiro son os autores

15 feb 2025 . Actualizado a las 05:00 h.

A Universidade de Vigo presentou onte o glosario Escolma de Termos Científicos, un minidicionario de vocabulario científico-técnico que forma parte das actividades de divulgación levadas a cabo dende a Unidade de Cultura Científica e da Innovación co gallo do Día da Ciencia en Galego.

Quiñón, augas de pilla pillota e de torna a torna, serventía, esteiro, petróglifo, choupín ou fungo son palabras que teñen en común, ademais de pertencer aos ámbitos xurídico, medio ambiental e micolóxico, que reflicten un vínculo entre o coñecemento especializado e a identidade galega. Estes termos sumados a outros 26 integran o minidiccionario de vocabulario científico e técnico, unha iniciativa da Unidade de Cultura Científica e da Innovación (UCC+i) da UVigo, co obxectivo de recoller e conservar termos científicos enxebres, procedentes de distintas áreas de coñecemento e vinculados co territorio propio. Os docentes e investigadores Xosé Manuel Pacho, Manuel Ángel Pombal e María Cabaleiro son os autores da escolma de termos nos ámbitos do dereito, o medio ambiente e a micoloxía, respectivamente, que se corresponden coas súas áreas de investigación e que escolleron pola súa relación co territorio, a cultura, as tradicións ou a historia. O obxectivo é normalizar o uso do idioma propio no ámbito educativo.