






Os petos de ánimas comezaron a construirse a finais do século XVI e teñen gran presenza na área de Vigo
09 feb 2025 . Actualizado a las 23:39 h.A relación coa morte no rural galego, guiada pola doutrina da Igrexa católica, provocou que a finais do século XVI comezasen a aparecer polos camiños, encrucilladas e proximidades das igrexas os petos de ánimas. É un elemento patrimonial tan abundante que aos expertos cústalles establecer morfoloxías. Na segunda metade do século XVI, o Concilio de Trento estableceu como dogma de fe a existencia do purgatorio, un estado de depuración da alma aberto á axuda dos fieis desde a vida terreal. Os familiares dos falecidos podían axudar a que esas almas alcanzasen o ceo. Así que as oracións e as ofrendas poderían axudar a que un familiar puidese alcanzar a gloria celestial.
Os petos están feitos de pedra, máis ou menos ricamente construídos, e teñen unha parte iconográfica, referida ás almas penando no purgatorio, e outra de recollida de ofrendas e esmolas, en teoría destinadas a celebración de misas. Aínda hoxe en día non é infrecuente ver mazarocas de millo ou patacas colgadas destes elementos. Os especialistas cren que estes petos foron construídos por colectividades rurais e, nalgúns casos, por particulares adiñeirados.
En Vigo, a cidade máis poboada de Galicia, existen varios petos de ánimas, algúns incluso no mesmo centro da cidade, pero un dos máis sobresaíntes é o da avenida de Galicia, en Teis. No seu remate, de aspecto barroco, se recorre unha escena en baixo relevo na que san Francisco axuda a saír do inferno a sete almas. Ten unha inscrición na que se perdeu a data na que foi feito, pero se calcula que pode ser do século XVIII.
Na outra beira da ría, en Cangas chama poderosamente a atención o peto de A Madalena. É do ano 1878. En un conxunto monumental composto, na parte baixa, polo peto, protexido cunha reixa, e un cruceiro moi estilizado. O peto está presidido pola Virxe e amosa a seguinte inscrición: «Ave María Purísima. Acordaos de las ánimas de vuestros padres o abuelos o tíos o parientes o amigos». Actualmente, os fieis seguen deixando cirios en recordo do defuntos.
A combinación de cruceiro e peto de ánimas tamén aparece en A Cruz, en Camos (Nigrán). Pero neste caso, non está superpostos os dous elementos, senón un ao carón doutro. Está datado no ano 1760, e o peto aseméllase a unha estela funeraria romana.
Outro exemplo curioso é o peto de ánimas de San Salvador de Louredo, en Mos. Está diante da igrexa parroquial e ten unha estrutura arquitectónica barroca. Neste caso, o retablo é de pedra e está conformado pola Virxe do Carme e un grupo de ánimas. A fornela está aberta.
En Vincios, Gondomar, está o peto de Vilás, construído no ano 1850 en recordo de Juan Manuel Pérez. É un muro granítico rematado cunha cruz sobre unha moldura. Na parte superior do peto está Cristo na cruz con a Virxe co neno no colo e Santo Antón tamén co neno. Debaixo aparecen cinco ánimas no Purgatorio e un bispo no medio.
Do século XVIII é o peto de Santa María, en Pazos de Borbén. É pequeno, está pechado con reixa e coroado por tres pináculos. Está presidido por un retablo de pedra policromada no que aparece Cristo crucificado entre dous santos, un deles é san Francisco, e hai nove ánimas purgando as súas penas. Este peto exemplifica o pouco respecto que se lle ten ao patrimonio. Ten xusto ao seu carón un poste, que ben podería estar cinco ou dez metros máis lonxe. Non son poucos os petos no sur da provincia que perderon o seu ornamento por distintas circunstancias. É o caso do peto do Cristo, na praza de San Bieito no Porriño. Só queda a fornela baleira. Poderíase dicir o mesmo do de Portavilar, en Mondariz, ou tamén do de San Fiz, en Nigrán.
«Limosna querida por Dios te pedimos te pedimos abrazadas gemimos en un fuego vivo» pódese ler na base do peto de A Manteigada, en Rebordáns (Tui). Este elemento patrimonial foi realizado no ano 1851 para o cura da parroquia. O máis salientable deste exemplar é que o retablo está feito en azulexo policromado. Novamente, está presidido pola Virxe do Carme e complétase con dous anxos encargados de liberar ás ánimas das lapas. E aínda hai algunha máis pedindo axuda.
Singularidade en As Neves
Pode que sexa As Neves o municipio do sur da provincia con maior número de petos de ánimas. Teñen ademais unha morfoloxía moi similar. Adoitan alongados e dunha sola peza, aínda que moitos deles xa perderon os seus retablos, quedando tan só a estrutura de pedra.
Un dos petos máis altos da provincia é o de Angudes, en Crecente. Alcanza os catro metros de altura, e foi feito en 1817. Ten escrito en pedra: «El exmo sr. dn. sr. Francisco García obispo de Tuy concedió quarenta días de indulgencia a todos los que devotamente y de rodillas rezaren una salve delante de esta imagen del Carmen rogando a Dios por las ánimas del purgatorio».
Todos os petos de ánimas de máis de cen anos de antigüidade están protexidos pola lei. Claro que non sempre se cumpre e é común velos con gran deterioro, xa espoliados ou rodeados por elementos que alteran notablemente a súa contemplación, como poden ser sinais ou postes.