O interprete estreará o sábado na Sala Ártika a súa obra «O último home»
08 ene 2025 . Actualizado a las 05:00 h.O vindeiro sábado, a Sala Ártika de Vigo acollerá a estrea da obra de teatro O último home, dirixida por Borja Fernández, e escrita e interpretada por Manuel Cortes. O autor contará co acompañamento en escena de Dj Russ, Marta Gilino.
—Cal é a idea motriz desta obra?
—A obra parte da certeza da extinción da especie humana. A partir de aí, a idea é comunicarlles aos meus semellantes que estamos en perigo de desaparición e que eu serei o derradeiro en quedar sobre o planeta. O método de expresión é a poesía, o que converte ao espectáculo nunha comedia poética unipersoal, aínda que estou acompañado por Dj Russ, Marta Gilino.
—Reflexiona sobre o tema?
—A narrativa do espectáculo está fragmentada en poemas que se agrupan en tres partes. Na primeira, a partir dunha serie de poemas, expoño as razóns que nos levan á extinción. Nunha segunda parte eu xa estou só no planeta e doume de conta de que non era tan guai como podería parecer. E na última parte, na que xa levo un tempo só, reflexiono sobre elo e acabo desaparecendo. Si que hai unha exposición de razóns, sempre dende un punto de vista poético e cómico, nada agresivo. Extinguímonos porque é así, porque somos idiotas. Esta sería a reflexión de fondo.
—Por que elixiu a poesía como medio de expresión?
—Decidín volver as miñas orixes. Eu son un actor de teatro e audiovisual a partir dos meus principios no happening poético. Eu tiña un grupo de poesía, chamado Ronsel, e facíamos recitais que, basicamente, eran happenings cómicos. A min a poesía interesoume sempre realizala dende un punto de vista cómico, facer que os recitais de poesía non foses actos aburrido, senón pracenteiros. Se consigue a través da comedia e da tradición cómica que hai na poesía dende sempre. Así que, eu, antes de ser actor ou facer guións, eu fun poeta por iso quixen volver ás miñas orixes e facer o que mellor sei, que é recitar poesía, neste caso, dende un punto de vista interpretativo, aportando toda a miña experiencia como actor e facendo un espectáculo.
—En «Código K», o seu anterior texto teatral, xa había música en directo. Repite o mesmo esquema nesta ocasión?
—A música está tratada dun modo diferente xa que está sempre ao servizo da poesía. O feito de contar cunha dillei con gran experiencia en música electrónica, como é Russ, dálle un carácter diferente ao que poderíamos entender coma un espectáculo musical. Hai unhas bases que acompañan permanentemente os poemas, unhas composicións propias de Russ, e, nalgúns casos, algúns poemas case que se converten en temas musicais; non chegan a estar cantadas, pero si están tratadas estruturalmente algunhas bases musicais de maneira conxunta que funcionarán case como cancións. Hai moita ambientación, moito son de fondo que lle dá énfase ao que se está dicindo, moito acompañamento, moito segundo plano que pode facer máis atractiva a proposta teatral. O feito de estar os dous en directo, nun espazo moi limpo e diáfano, nada apocalíptico, penso que fai que sexa un espectáculo moi agradable de ver.
—Interactúa con Russ?
—Temos contacto, as veces, visual ou tamén pódome dirixir a ela, aínda que non me contesta, pero si que hai interacción. Eu pídolle algunha cousiña musical e ela a pon. Non hai interacción de personaxes, pero si de poesía e música. Non estamos en dous planos diferentes, ela está poñendo música e eu recitando poesía e actuando, e todo se xunta.
—Como combina está montaxe cos seus traballos no audiovisual?
—Neste caso, pódome permitir o luxo de aparcar todo durante esta última semana para preparar a estrea na Ártika. Puiden permitirme o luxo de dedicarme esta semana a enfocar a estrea do vindeiro sábado. Unha vez que remate xa teño proxectos nalgunha serie en Madrid, escribir algunha cousa, como o guión para os Mestre Mateo, pero todo iso ven despois; afortunadamente, neste caso non tiven que solapar nada, pero claro contei coa axuda do director Borja Fernández; Laura Iturralde, nas luces; e Carlos Alonso, na posta en escena, senón sería unha loucura. Eu encargueime dos textos e do pallaso que levo dentro.