O galeguismo despide a Francisco Domínguez, o enxeñeiro humanista que impulsou a tradución da Biblia

La Voz VIGO / LA VOZ

VIGO CIUDAD

M. MORALEJO

O exdirector da Fundación Penzol morre en Vigo aos 80 anos

02 ene 2025 . Actualizado a las 00:37 h.

A Fundación Penzol vén de comunicar o pasamento en Vigo de Francisco Domínguez Martínez, que foi director da institución durante máis dunha década. Nado en Santa Uxía de Ribeira no ano 1944, Quico Domínguez tivo unha traxectoria atípica no eido da cultura, o galeguismo e a política, á que chegou polo seu apego ás humanidades. Enxeñeiro industrial de formación, traballou durante 25 anos na empresa Alonarti, do grupo La Artística, como director técnico e conselleiro. Tamén foi director xerente do Centro Tecnolóxico Aimen, técnico superior de I+D da Universidade de Vigo e xestor de Deseño e Produción Industrial do Plan Galego de Investigación.

Ao pouco de xubilarse como profesor da Universidade de Vigo, no 2010, aceptou o reto maiúsculo de substituír a Francisco Fernández del Riego como director da Fundación Penzol. Como gardián dun dos patrimonios bibliográficos e documentais máis salientables de Galicia, impulsou a modernización da fundación e a súa adaptación ás novas tecnolóxicas.

No currículo de Domínguez destaca unha bagaxe ecléctica que non ten acomodo no galeguismo tópico de esquerdas. Por exemplo, el mesmo destacaba que un dos logros dos que se sentía máis satisfeito era a súa loita pola liturxia en galego. «Eu realmente cheguei ao galeguismo e ao compromiso social a través da Igrexa. E curiosa,mente, procedendo dunha familia anticlerical. Meu pai foi un mestre que foi destituído e morreu cando eu era moi novo. Miña nai quedou viúva con dous fillos, sen paga e sen nada. Pero eu era un rapaz que tiven que traballar desde moi novo e tiven a sorte de atopar alí certa axuda e apoio. Tamén teño que dicir que a miña postura dentro da Igrexa sempre foi crítica e en nalgunhas cousas bastante heterodoxa» contou nunha entrevista con La Voz de Galicia. Tamén foi director de Cáritas Diocesana en Vigo, organización na que traballou coa súa muller na axuda a inmigrantes.

Cando estudou Enxeñería en Bilbao fíxose cargo da editorial Sept. «»Ao pouco tempo empezamos co labor de editar a Biblia en galego partindo dos textos orixinais. Foi un proxecto que nos levou máis de 12 anos no que traballamos man a man Alfonso Zulueta e máis eu», recordaba Domínguez.

O pegada que deixa no galeguismo quizais teña que ver, sobre todo, co seu talante. Así explicaba el a su postura: «As miñas relacións coa xente do galeguismo foron e seguen sendo moi boas. Hai que ser tolerante. Se un é galeguista e non cre no pluralismo é que non é galeguista, porque non se trata de impoñer. Facer apostolado co galeguismo en tempos difíciles tamén te leva a saber que o labor ten que ser de convencemento, de conquista, non de imposición».

A Fundación Penzol, na que seguía como padroeiro, ensalza a súa figura e expresa así o seu fondo pesar polo pasamento: «Incorporado ao galeguismo dende a mocidade, fixo desta causa de noso unha das súas razóns de ser. Por citar tan só tres dos seus compromisos, alén do xa aludido na Penzol: refundador e secretario de organización del Partido Galeguista (1978-1982); presidente da editorial Sept e un dos impulsores da tradución da Biblia ao galego, e accionista e conselleiro da Editorial Galaxia. Pola súa coherencia vital e a fidelidade aos seus principios éticos, foi un exemplo a seguir para todas e todos nós. Sempre connosco, Quico, descansa en paz».

A sala 1 do tanatorio de Emorvisa, en Pereiró, acolle a velación de Francisco Domínguez. Mañá, ás sete da tarde, celebrarase unha liturxia.