
Un libro de Xosé Henrique Costas fai unha radiografía da lingua da cidade / «O Selta ghañou sinco sero», un seseo que está a desaparecer
11 dic 2024 . Actualizado a las 01:53 h.Un «ghicho» é unha persoa, un individuo, que tamén pode ser un «ghebo». Veñen a ser o mesmo, polo menos en Vigo. A cidade ten unha dialecto propio, unha fala que se foi construíndo de xeración en xeración para dar forma a súa maneira de entender o territorio e a vida. Aquí, por exemplo, nunca se criou pavo. «Criouse pirú para os señoritos», escribe o director do departamento de Filoloxía Galega e Latina da Universidade de Vigo, Xosé Henrique Costas, autor do libro A fala de Vigo, un dicionario vigués que recolle 400 palabras e 100 frases feitas e refráns que son propias da cidade. «É o galego falado no Val do Fragoso, o que aínda se fala en Rorís, A Falcoa, O Freixo, Moledo, Mide, Baruxáns, O Carballal, Redomeira ou Marcosende, o Vigo de sempre onde o galego é aínda a lingua habitual fronte ao centro urbano máis castelanizado», explica. O traballo, no que colaboran a UVigo e a Asociación Faladoiros de Vigo, é un arquivo de fala que vai moito máis de «ghicho», «patatillas» (a forma na que en Vigo se coñece ás patacas fritidas de bolsa) ou ir chorar a «Canghas», un termo que se utiliza para calar a unha persoa pedichona ou que está todo o día a protestar ou a choromicar por algo.
Este dicionario está feito para as persoas máis «aghuadisas», as que devecen por algo. É un lugar para mergullarse na forma de entender a vida dos vigueses de sempre, dun señor que en Praza América sube a un bus que conduce un «vitraseiro» para ir mercar unha rincha (xarda) ao mercado. Alí, atopa ao seu «parseiro» (consogro), que está feito un «sincotripas», o que vén a ser estar extremadamente delgado, e que, cada tarde, bebe unha cunca de «viño de masán» de Bembrive ou de Candeán, as dúas parroquias tiñan boa sona pola súa sidra. E, cando se pasa con ela, é máis «toupeira» do que adoita ser, unha persoa extremadamente torpe e inútil para facer calquera cousa. Lembran como un día caeu cando andaba de «mirapapisa» (mirando ao chan) e fixo un «nachaso» (corte profundo) na cabeza.
Logo de saír do mercado coas rinchas frescas da ría, o señor vai con moita présa a casa. Alí «manda Baiona», é dicir, que é a súa muller a que rexenta o fogar. «Probablemente veña de que en Baiona as mulleres mandaban nas casas porque os homes andaban todos ao mar», explica Xosé Henrique Costas no seu libro. Ela sempre está ao «tangher» (apremiar) coma aos bois para que faga algo. Dende que se xubilou anda de «piringhallo», é amigo das festas, e estase a poñer «coma un rebolo» (regordecho) de comer tantas «laghuchadas» (comidas que saben ben). Ademais, como a súa dona é moi «mandicanta», gústalle gobernar a vida dos demais, trata ser moito máis «pilinghrino» (como se lle di aos amantes de estar todo o día fóra do fogar) para non discutir coa súa muller que, tamén, é «cangheira», termo co que se describe a unha persoa de Cangas ou do Morrazo.
Das présas que levas o home non ve que un coche pon o «pisca-pisca» (intermitente) e case o atropelan. «María matouse¡», (expresión equivalente a «érache o que nos faltaba») exclama. Aínda non quere marchar ao ceo cruzando o «Barco da vella», forma coa que tamén se lle chama en Vigo ao arco da vella «porque ten a forma dun barco dado a volta na area».
Estas son só un anaco da escolma de palabras que Xosé Henrique Costas recolleu. Hai moitas máis como «chiflaso» (destello de luz ou chorro que sae dun aerosol, «delourar» (pór a secar ao sol roupa estendida sobre a herba), «odre» (persoa parva, comellona ou moi egoísta), «matamanexa» (persoa nativa de Matamá) ou «canicouva» (canexa ou corredoira encaixada entre casas ou valados, escura, húmida e lamacenta). Tamén hai outra chea de refráns e frases feitas que distinguen a identidade viguesa. Por exemplo, as persoas que se cren moi importantes e superiores a outras «caghan ou mexan moi alto» e as que non están case nunca na casa «andan de ghavota». Cando hai un problema e unha persoa lisca cheo de medo e que lle fixo «o cu luís-luís» e se fracasa o negocio significa que o dono foi «a Vigho por mirar Canghas».
As palabras recollidas en A fala de Vigo teñen gheada («un ghicho de Vigho») e seseo («o Selta ghañou sinco sero», pero este último é o que menos se conserva. Costas escribe no libro que, por exemplo, «en Ceboleira (Lavadores), a mediados de 1980, aínda se conservaba en falantes maiores o chamado sistema mixto de transición», pero que hoxe xa case non se rexistra. Indica que «a estigmatización do seseo de Vigo por parte de autoridades, medios e persoas foráneas provocou que hoxe, por unha banda, moitos topónimos presenten na súa forma oficial o seseo inconsciente: O Rabiso, Rúa da Seña (Rúa da Aceña), As Penisas, Rorís, O Ripanso, Os Ameases,e pola outra, hainos consagrados con ultracorreccións do seseo: O Chouzo, As Cíes, O Rocío, que deberían ser correctamente na fala e na escrita O Chouso, As Sías e O Resío». Ademais, á hora de analizar a fala de Vigo nas distintas parroquias, Xosé Henrique Costas tamén distingue tres zonas dialectais: Fragoso norte, mixto e unha sur, que transiciona con O Val Miñor.
No libro, que está dispoñible na web da Universidade de Vigo, e que esperan que sexa de interese «para os centros de ensino, asociacións veciñais, deportivas, musicais e culturais, e a todas as persoas curiosas, que queiran saber máis de como se fala o galego de Vigo», tamén se engade unha páxina para que as persoas poidan engadir outras palabras que coñezan. Ademais, tamén anima a envialas a faladoirosgalego@gmail.com, «porque con este tesouro comunal queremos ir facendo un peto nas redes para logo ilo espallando», destaca o autor do dicionario da fala dos «ghichos» de Vigo.