O galego triunfa na Escola de Idiomas de Vigo: «Axuda a abrir moitas portas»
VIGO CIUDAD
Cincocentos estudantes doutros países aprenden a lingua «libres de prexuízos»
20 nov 2024 . Actualizado a las 00:49 h.Na biblioteca da Escola de Idiomas do Vigo o galego soa con moitos acentos diferentes. Hai varias mesas entre os libros nas que persoas de todas as idades falan de gramática, sintaxe e pronomes, pero tamén de cousas da vida e do que apareza no momento. O seu profesor Manuel Corbacho camiña entre elas cun sorriso. «Aprender tamén ten que ser divertido», recoñece no seu camiño. É un dos docentes dos 500 estudantes de galego que hai na Escola de Idiomas de Vigo. Hai xente de todo o mundo, a gran maioría latinos, pero tamén hai moitas outras nacionalidades. Griffin Fraser (Oregón, Estados Unidos, 1997) e Marvin Le Bars (Marlaix, Francia, 1994) son dous dos alumnos cos títulos máis altos. O norteamericano ten un B2 e o francés un C1.
«A lingua é unha identidade e, para min, vivir en Galicia tamén é falar galego», destaca Griffin. Estudou Filoloxía Española nunha universidade dos Estados Unidos, pero non soubo da existencia do galego ata que fixo un intercambio en Salamanca. Alí tivo unha amiga viguesa que lle mostrou a realidade dunha Galicia que descoñecía. Volveu a Estados Unidos e fixo o seu traballo de fin de carreira sobre como o Partido Popular da comunidade utilizaba o galego nas campañas políticas. «Quería estudar como utilizaban a lingua e a cultura nos seus discursos», indica. Ao rematar os estudos, pandemia de por medio, conseguiu praza de auxiliar de conversa nun instituto de Vilagarcía de Arousa. Chegou a Galicia en 2022 e das primeiras cousas que fixo foi apuntarse a clases de galego. «Estou encantado de aprender un novo idioma. Non podes descubrir moitas cousas de Galicia e da súa xente sen aprender a súa lingua», destaca. El fala inglés, español, un pouco de árabe e, agora, galego con moita fluidez. «É un idioma máis. Non é menos que ningún. Cantas máis linguas mellor», insiste Griffin cando se fala dos estigmas que hai ao redor do galego. «Nós, os que vimos de fóra, por sorte, estamos libres de prexuízos».
Marvin fixo un camiño similar ao de Griffin. El é da Bretaña, a rexión máis occidental da Francia continental e que tamén conta cun idioma propio: o bretón. «Por unhas persecucións histórica e polas políticas do Estado Francia case non o fala ninguén», lamenta Marvin, que recoñece que para Galicia «é unha sorte» ter mantido o seu propio idioma. El comezou a aprendelo en Ourense, onde chegou como auxiliar de conversa nun instituto. «Encantoume a comunidade e decidín quedar aquí», explica. Agora está tratando de conseguir o Celga4 para opositar a profesor de francés na educación pública galega. «Aprender galego fixo que descubrira que a xente é aínda máis acolledora cando falas en galego. Cando lle falo na súa lingua prende neles unha especie de chispa», reflexiona.
Tanto Marvin como Griffin, que traballan en institutos con adolescentes, detectan que a xente nova «case non fala galego». Tamén o ve todos os días José Manuel, un mozo colombiano de 15 anos que chegou a Vigo hai oito meses. «Os meus compañeiros só falan galego na clase de lingua e, ademais, moitos din que non lles gusta nada», indica. El non o entende. Aínda que está exento, vai as clases da Escola de Idiomas para non ter problemas co idioma durante o bacharelato. «Para min ter unha lingua propia debería ser un orgullo», insiste. Ao seu lado está Nicol, tamén colombiana. Ela aínda non é capaz de falar galego, pero xa o entende «case todo». Ningún dos dous sabían que Galicia tiña un idioma propio antes de vir. «Sorprendeume», recoñece José Manuel.
Unha parte das persoas que migran á comunidade non saben da existencia do galego. Tamén lle pasou a Rosmary (Paraguay), que se deu conta cando lle falaron no centro de saúde e «non entendín o que dicía», e a Yersica (Venezuela), que o notou ao traballar con persoas maiores nunha residencia. Elas están nas clases para sacar o título, pero tamén para aprender a lingua e adaptarse mellor ao lugar no que viven. «Eu traballo con persoas maiores e quero entendelas e poder falar con elas no seu idioma», destaca Yersica, que, ademais, incide en que «o galego axuda a abrir moitas portas laborais». Ademais, Rosmary, que tamén é dun país como Paraguay con dous idiomas oficiais (español e guaraní), cre que manter unha lingua é un deber da sociedade. «Non se pode perder algo tan lindo», conclúe.
Na aula da biblioteca da Escola de Idiomas aínda hai outros tantos galegos distintos. Algún, ata xa van sacando a súa propia gheada. «Eles son esperanza. En tempos non que a lingua ten un futuro preocupante, estes casos son bos exemplos que hai que potenciar», destaca Corbacho, un profesor orgulloso do seu alumnado.