A Universidade publica un libro sobre as variedades do galego en Vigo

La Voz VIGO / LA VOZ

VIGO CIUDAD

O profesor Xosé-Henrique Costas é o autor de A fala de Vigo. Trazos diferenciais da nosa variedade dialectal

14 nov 2024 . Actualizado a las 05:00 h.

A Área de Normalización Lingüística da Universidade de Vigo ven de publicar o libro A fala de Vigo. Trazos diferenciais da nosa variedade dialectal, de Xosé-Henrique Costas, director do Departamento de Filoloxía Galega e Latina. No libro, o autor defende con rotundidade que na cidade máis castelanizada de Galicia é posible escoitar o galego pola rúa, en buses e mercados, en bares e tendas mais, sobre todo, nas parroquias.

A publicación naceu cando a asociación de voluntariado lingüístico Faladoiros-Vigo lle encargou ao profesor Costas unha conferencia sobre A fala de Vigo. «A raíz dos materiais e mapas elaborados para esa charla, valorouse a posibilidade de imprimir unha publicación e facela chegar a todos os centros de ensino, asociacións veciñais e culturais etc., para que a xente coñecese por esta divulgación científica como é o galego falado no Val do Fragoso», explicou o docente, quen traballou durante algúns meses recopilando léxico diferencial vigués, así como refráns e frases feitas propias da contorna viguesa.

O volume ábrese cun soneto a Vigo de Darío Xohán Cabana, continúa cun limiar de Xosé Luís Méndez Ferrín e segue coa descrición dos principais trazos fonéticos e morfolóxicos do falar de Vigo. «A de Vigo é unha fala suroccidental galega, con todas as súas características macrodiferenciais: miña irmán, a mañán, as rans, as mans, gheada, seseo etc.», sinalou o autor.

Na publicación defínense arredor de 400 palabras de uso común en Vigo que raramente aparecen en dicionarios ou aparecen con outros significados, algunhas exclusivas de Vigo e outras comúns co suroeste de Pontevedra, incorporando tamén galicismos, anglicismos, xitanismos e castelanismos adaptados ao falar vigués. 

Os exemplos de palabras propiamente viguesas son chiflaso, delourar, fanado, fariñoque, ghaldrumeiro, ghichar, marmanxo o pisca-pisca. «En Vigo xogamos ao ‘pai-fillo-nai' no canto de ao tres en raia, dicimos peio no canto de mariola e prememos o pisca-pisca do coche no canto do intermitente», explica Costas.

Concibida como unha obra de divulgación, a pretensión é que o volume chegue a todos os centros de ensino, asociacións veciñais, deportivas, musicais e culturais, e a todas as persoas curiosas, que queiran saber máis de como se fala o galego de Vigo.