Esther Carrodeguas, actriz: «É moi cruel odiar o teu corpo cando te miras ao espello»

Pedro Rodríguez Villar
Pedro Rodríguez VIGO / LA VOZ

VIGO CIUDAD

ButacaZero

Presenta hoxe no auditorio municipal un monólogo sobre a gordofobia e o estigma que teñen as mulleres con sobrepeso

10 nov 2024 . Actualizado a las 02:20 h.

«O único que verdadeiramente quixen toda a vida é ser delgada». Así é o título de monólogo que a actriz e dramaturga Esther Fernández Carrodeguas (Rianxo, 1979) presenta hoxe no auditorio municipal de Vigo ás 20.00 horas. É toda unha declaración de intencións. «Unha necesidade poética de soltar todas esas cousas que sufrín de pequena por non ter un corpo normativo», explica Esther.

Foi unha vítima dunha sociedade, que «é violenta coas persoas gordas dende que son pequenas». Ela sufriuno na casa e na escola, pero a persoa máis cruel foi ela mesma. Cando se miraba ao espello «pensaba que nada me quedaba ben. Odiaba o meu corpo». Todas estas sensacións foron a semente deste espectáculo co que «pouco a pouco, estou a mellorar a imaxe que teño do meu corpo».

Antes de ser directora, dramaturga e actriz, Esther quixo ser xornalista. Cando chegou a facultade, o único que sabía «é que non podía traballar na televisión». Ningunha das presentadoras famosas tiña un corpo coma o seu. «Aínda así, ao final, escollín unha profesión na que estou aínda máis exposta», ri. A maioría da xente, «no dicionario mental que temos sobre famosos da interpretación, non se lle ocorren máis que algunha excepción de actores e actrices con corpos non normativos», pero iso, «se o pensas, pasa con outras tantas profesións. Non che veñen moitas xornalistas ou músicas gordas», reflexiona Esther.

«O mellor» do espectáculo que presenta hoxe en Vigo é para Esther a cantidade de xente que «se pode ver reflectida durante a representación». Hai persoas de todas as idades e corpos que «viviron o mesmo ca min. Hai un patrón de violencia social que nos une a todas», insiste. Darse conta diso foi «moi potente» e o que lle anima a seguir dous anos despois da estrea. Lembra todas as mensaxes que recibe cando acaba a obra e a través de redes sociais. Houbo xente que ata lle dixo que o espectáculo cambiou a súa vida. O seu monólogo trata reflexións e situación que moitas persoas, «probablemente, nin o teñan falado coa súa familia, amigos ou parella. Con sorte, puideron tratalo en terapia», lamenta.

Os corpos non normativos cada vez están máis presentes en campañas de publicidade ou nas redes sociais, pero «eu son bastante remisa a pensar que non avanzamos tanto como se pensa na normalización destes corpos», reflexiona. «Só hai que entrar nas redes sociais para ver o bombardeo continuo que hai. Por cada publicación relacionada cun corpo non normativo hai catro ou cinco sobre pilates para adelgazar ou xaxún intermitente. Ao final. moita xente pensa que hai que adelgazar a toda costa e iso é moi perigoso para a saúde», indica.

Esther sabe ben que é difícil saír dese círculo de autoodio sen axuda, esta obra é unha porta aberta a aceptar o teu corpo, como está a facer ela, primeiro por «rabuda» e agora actuando.