«O paro de 1962 anticipa o novo movemento obreiro dos setenta»

Jorge Lamas Dono
jorge lamas VIGO / LA VOZ

VIGO CIUDAD

Oscar Vázquez

Víctor Oia analiza en «Pulso de Galicia» o sindicalismo anarquista dos anos 50 en Vigo

06 nov 2024 . Actualizado a las 05:00 h.

Víctor Oia Francisco ven de publicar Pulso de Galicia. Reagrupamento, agregacións e conflitividade libertaria na comarca de Vigo (1950-1962) na editorial Bastiana, unha investigación na que descobre a acción do anarcosindialismo en Vigo na década dos 50 do pasado século.

—Como foi o reagrupamento da CNT tras a guerra?

—Seguindo a estela do que foi a República, a inercia daquel momento sumada á resistencia da guerra civil nos anos corenta levou a unha primeira reorganización no conxunto da oposición clandestina ao franquismo e, entre eles, estaba a CNT. Tras a Segunda Guerra Mundial e ao comezo da Guerra Frío aparece un novo escenario no que Franco pasa a ser aliado das potencias occidentais e a oposición queda nun segundo termo e da pé a unha razzia moi importante en todo o Estado e que tamén se nota en Vigo. Esto afectou ao conxunto da oposición e tamén á CNT. Contra finais da década dos corenta chega a Vigo Víctor Francisco Cáceres, que será o motor do reagrupamento confederal na cidade e na ría de Vigo.

—Como o fixo nun ambiente tan hostil?

—Cando chega a Vigo todo está desorgonizado. El inicia un trato moi persona, tentando crear pequenas redes de solidariedade. Creo que é importante a caída de José Luis Quintas Figueroa no ano 1950, un militante da CNT moi sinalado durante a República e durante a resistencia. Aquel feito abriu un escenario no que se sentaron a bases para relanzar á CNT; uns decidiron dar un paso cara diante e outros bótanse a un lado. Cáceres é extremeño e militou na clandestinidade no País Vasco e logo na Rioxa. Cando chega a Vigo empeza a traballar, primeiro nunha contrata de Vulcano, e despois xa forma parte da empresa.

—Como foi o seu labor sindical?

—É complicado documentalmente atopar rastros e as achegas son orais, pero tamén temos a sorte de que este home exiliouse en Francia no ano 1967, e participou da vida da CNT en Toulouse, colaborando na prensa anarquista. Aí, de cando en vez, escribe artigos sobre o seu paso por Vigo. O título do libro é unha homenaxe a esa escolma de artigos que fixo en Francia. Os seus primeiros pasos en Vigo son sempre verbais para tantear a situación. En Vulcano, como en toda industria siderometalúrxica, e sobre todo nos estaleiros, a presenza da oposición antifranquista, neste caso da CNT, pervivía, aínda que fora nun plano latente. A través de militantes dos anos corenta e da preguerra permítelle formar os primeiros lazos e a distribución de prensa clandestina e, sobre todo, que haxa unha coordinación mínima que dea lugar a un comité local, que vaise crear no 1954-55. Foi fundamental, porque todos aqueles esforzos que moitas veces eran a título persoal, despois quedaron estruturados dentro dunha organización. O comité, xa no ano 1956, pasou ter relación co exilio en Toulouse.

—Tiñan publicacións?

—Conseguían prensa do exilio, non era feita aquí. Viña polo contacto con Francia, pero tamén dende Nova York, porque dentro da afiliación que había nese momento había xente do transporte marítimo. Si teño constancia de que neste período fixeren octavillas en Vigo, tanto as que se fixeron chamando á folga de 1962, como as que publicou un grupo chamado Frente Juvenil Democrático. A parte da CNT, en Vigo creouse un grupo das xuventudes libertarias a través de Jaime Garrido, pero no seu intento por expandir a organización entre a mocidade crea o Frente Juvenil Democrático, que foi importante porque todos eles acabarán sendo cuadros das comisións obreiras ou do PCE, agás Jaime que quedaría na CNT. Eles si publicaron, como se facía entón, cunha máquina de escribir e un papel de calco.

.

—Como foi a reacción do réxime?

—Actuaron durante máis dunha época, e non foi só pola sorte, senón tamén polo bo facer dos militantes. En primeiro lugar, Cáceres viu de fóra e non era coñecido en Vigo para a policía o que lle permitiu ter certa liberdade de movemento. O feito de achegar afliados novos, permitiulles un marxe de manobra. Na medida en que a organización adquiriu relevancia porque xa non só se limitaba a Vulcano, senón que pasou a outras empresas, a policía xa puido seguirlles a pista. No ano 1960, chegoulles o primeiro tropezo coa detención de cinco persoas por organización, propaganda e relación co exilio. Ata o ano 1962 puideron seguir coas actividades, pero ese ano é cando se produce a folga que acabou cun consello de guerra e cárcere para varios integrantes do comité.

.

—Cales foron as vías de traballo do comité nas empresas?

—Cando facían actividades clandestinas con propaganda propia eran as menos das veces, eran moi concretas e gardaban relación con campañas a nivel estatal ou que viñan do exilio. Cando o traballo era propiamente local, non se traballaba tanto en torno ás siglas, senón con reivindicacións moi inmediatas que eran sentidas polo restos dos traballadores. Xa nos anos corenta atopo este tipo de funcionamento. O mundo laboral era moi duro e as reivindicacións, as maioría das veces, gardaban relación cos salarios, o que hoxe chamaríamos prevención laboral e tamén cos ritmos de traballo. Si hai exemplos de como son quen de forzar reivindiccións. Ata os anos 50 todo se negociaba co patrón; estaban os enlaces, pero otras veces se negociaba con otras persoas que non eran propiamente do sindicato vertical para obter o visto bó. A modernización do réxime creou, a finais dos 50, a lei de convenios colectivos. Foi importante porque a partir de aí a subida salarial non depende dos patróns, teñen que negociala co xurado de empresa. Estes e os enlaces eran representación dos traballadores a través da delegación do voto. En Vigo temos un exemplo moi interesante porque a bibliografía que se manexa agora pon en tela de xuizo a participación no sindicato vertical máis alá dunha serie de persoas e se pon moito énfase a raiz de que as comisións, xa nos 60, falan da toma do vertical. En Vigo xa se da previamente. Temos exemplos de militantes da CNT e o PCE no vertical, pero, neste caso, CNT decide que, máis alá dos acordos congresuais, non está dacordo en participar, pero asume que se hai persoas que queran presentarse podan facelo sempre en cando non se empregen as siglas. Por exemplo, en Vulcano, non se presentan ás eleccións, pero son capaces de incidir no resultado do convenio colectivo. En Barreras, pola contra, si participan nas eleccións e tamén inciden no convenio. Cando a comezos de 1962 empezan a negociar o convenio entre o xurado e a dirección, cando se enquista por cuestións económicas, e o xurado non ten moi claro cal é a saída, entra a CNT. Era un esteleiro que tiña ao redor de 800 traballadores e non existían as asambleas e non se podía facer un traballo á luz, e o que se fai son contactos previos entre os militantes dos anos corenta e os trinta que pertenecían á CNT, pero tamén con militantes do PCE. É cando todos deciden que o paro é unha boa saída para comprobar a fortaleza da dirección.

—Nesta época estase a formar a xeración de sindicalistas que levarían o peso nos anos setenta?

—Para min, si. É un debate que está aí. Hai quen opina que o 62 é o final do antigo movemento obreiro. Eu digo que si, pero tamén digo que o 62 anticipa xa todo o que vai ser o novo movemento obreiro. Nun primeiro momento se cruzan militantes de preguerra, xa maduros, pero tamén coinciden os que serán os cadros do 72, todos aqueles que a partir do 65-66 están xa dentro das comisións. Eles o primeiro que coñeceron foi o conflicto do 62. Para min é novidoso porque este conflicto está perfectamente integrado no que é a modernidade da época. Se nos 40 e 50 toda reivindicación salarial estaba supeditada ao que dicía o Goberno, que eran quen marcaba os topes, coa chegada dos convenios colectivos xa non é o Goberno, senón que a negociación é entre a patronal e os traballadores, entre a sección económica e a sección social. É fundamental, porque en adiante a clase obreira ten os convenios colectivos como punta de lanza. En Vigo, os primeiros convenios son moi duros. Hai que ter en conta que estamos falando de 14 centros de traballo siderometalúrgicos con 7.500 traballadores afectados polo paro. As comisións obreiras, tal como as coñecemos, nacen aquí; non son máis que unha representación da democracia obreira por mandato directo. A documentación, polo de agora, non nos permite coñecer a composición desas comisións. Sería fundamental ver que relación xogou en relación ao jurado de empresa, que era quen negociaba o convenio colectivo. Negociábanse soamente cuestións salariais.

—A represión de 1962 desarticulou o anarcosindicalismo?

—En relación ao anarcosindicalismo e ao anarquismo en Vigo, si. A Cáceres condenárono a 11 anos, e ao resto a penas de entre 4 e 9 anos. O consello de guerra abarcou condenas para militantes de Vigo e de Valladolid porque foi unha caída conxunta. Primeiro foi Valladolid y despois a policía seguiu a Jaime Garrido e cae Vigo. A CNT quedou prácticamente desarticulada e as Xuventudes Libertarias quedaron descabezadas ao caer Jaime Garrido e non volverá a existir en Vigo ata 1980. O Frente Juvenil Democrativo quedou totalmente desarticulado e non volverá a organizarse porque varios membros se pasaron ao PCE. Este grupo foi moi novidoso porque estaba pensado para a mocidade e porque se anticipa as comisións obreiras xuvenis dos anos setenta en Vigo. CNT quedou de maneira moi testimonial. Sabemos que tras a caída, mandaron algunha remesa de documentación, pero os afiliados non estaban pola labor de seguir facendo actividades clandestinas. Jaime Garrido, cando saíu do cárcere, incorporouse a Censa no Porriño, e foi unha peza fundamental para que esta empresa participase no gran conflicto de 1972, por eso motivo volvería a estar preso.