Despois de anos de pugnas coa Xunta, Vigo segue sendo a única cidade de Europa que non sinaliza o Camiño de Santiago: «Os peregrinos acaban desviándose e saíndo da cidade por sitios diferentes»
25 jul 2024 . Actualizado a las 23:34 h.«¿Cómo? ¿Había señales?». Con esta retranca responde Armando, un peregrino alemán que fai o Camiño Portugués pola Costa, ao preguntarlle sobre a sinalización do Camiño de Santiago en Vigo. Non é a súa primeira peregrinación á capital galega (xa o fixo por outras rutas), pero a escasa sinalización da cidade atlántica dificultoulle o seu tránsito. «Por suerte, llevo conmigo una guía turística que nunca me falla», conclúe, amosando un pequeno libro.
A falta de indicacións é un problema grave para moitas persoas á hora de cruzar a cidade. «La gente no sabe por dónde ir. Muchos peregrinos acaban desviándose y saliendo por distintos sitios de la ciudad», quéixase Alejandra de la Orden, unha peregrina madrileña. «He tenido que guiarme por un mapa que encontré en la página web oficial del Camino porque en todo Vigo solo encontré una piedra”, engade. «La señalización es horrible, sobre todo al salir», asevera Fernando Ruiz, un cordobés que está facendo o Camiño xunto a outros tres amigos. «Hay dos grandes problemas: o bien las señales que hay están desactualizadas, o bien son directamente inexistentes», afirma.
Outros peregrinos non tiveron problemas coa sinalización do Camiño na cidade. Este é o caso de Juergen (de Alemaña) e Concha (das Illas Canarias), que fan o Camiño Portugués pola Costa, que xa é a terceira ruta en número de usuarios. «A sinalización é perfecta. Só tes que seguir as frechas amarelas», indica. E engade: «Non sei como alguén se perdería».
Pero o certo é que moitos camiñantes si se perden e unha gran parte deles remata utilizando aplicacións informáticas no móbil para poder guiarse por Vigo. «Para no perdernos, utilizamos la aplicación del Buen Camino [de Santiago]», di Sergio, que fai o Camiño xunto a Alba e Víctor, compañeiros dun grupo relixioso de Madrid. Outros peregrinos utilizan aplicacións como a do Camiño de Santiago en Galicia (desenvolvida pola Xunta), Camino Ninja ou o propio Google Maps.
A mala sinalización non é o único inconveniente que afecta aos camiñantes. «Perdinme porque había dúas estacións de trens», recorda Alzbeta, que fai o Camiño dende Eslovaquia por razóns espirituais e tivo que empregar o transporte ferroviario en Vigo.
O transporte público é motivo de disparidade de experiencias e opinións entre os peregrinos. «Ao tentar comprar un billete de tren ocorreunos o máis absurdo que nunca vimos», recorda Juergen, de Alemaña. «Non puidemos comprar billete para o traxecto Santiago-Vigo porque, supostamente, el vehículo estaba cheo. Non obstante, resultou que o tren ía case baleiro!», exclama. «Na zona norte de Alemaña, todas as viaxes en trasporte público son perfectamente puntuais», conclúe.
Outro problema co transporte público, en particular o urbano, é a desconexión entre as indicacións dalgunhas aplicacións informáticas e a localización real das paradas. «Tiven unha moi mala experiencia cos autobuses porque as paradas non estaban onde Google Maps o indicaba», quéixase Senta, unha peregrina alemá que fai o Camiño Portugués pola Costa.
Algúns peregrinos tiveron unha experiencia moi diferente. «El transporte interurbano es mucho mejor que en Madrid. La estación de Chamartín, por ejemplo, es muy grande y puede resultar caótica», asegura Sergio. «Non teño queixa algunha sobre o transporte público», di Alzbeta.
Concellos como A Guarda, Baiona e Nigrán, polos cales pasa o Camiño Portugués pola Costa, están sinalizados abondo e manteñen as rutas en boas condicións. Con todo, en Vigo case non hai indicacións e iso provoca que moitos peregrinos rematen perdéndose ou facendo rutas máis longas do que deberían e mesmo perdéndose.
Segundo fontes da Delegación da Xunta na cidade, Vigo é «a única urbe de Europa» que non ten o Camiño sinalizado. O Goberno galego tentou colocar indicacións hai seis anos pero o Concello impediullo, de tal xeito que a Xunta só puido sinalizar aquelas zonas que escapan á competencia municipal, como o porto e as estradas de titularidade autonómica.
O alcalde de Vigo, Abel Caballero, xustificou durante os últimos anos esta negativa alegando que Vigo ten «marca propia» e que as cifras de ocupación hostaleira se deben á publicidade que el fai á cidade, aínda que nunha entrevista de setembro de 2018 para La Voz, prometeu sinalizar o Camiño: «El Camino en Vigo lo vamos a señalizar nosotros, no la Xunta», aseguraba hai seis anos.
Hai un mes, nunha reunión co presidente, Alfonso Rueda, Caballero comprometeuse a sinalizar o Camiño mediante 15 grandes pantallas. Na última xunta municipal, aprobouse cun orzamento de 700.000 euros.