De «safari» na ría: «É como mudar de planeta, atopas unha vida diferente»

Bibiana Villaverde
bibiana villaverde VIGO / LA VOZ

VIGO CIUDAD

M.MORALEJO

Unha psicóloga e unha fisioterapeuta crearon o proxecto de divulgación 13 Grados para mergullar de xeito real e virtual, pero sobre todo, consciente: «O peixe non é só o do prato»

06 jul 2024 . Actualizado a las 11:04 h.

Poucos espazos quedan na superficie de Galicia que non estean domesticados. Quen busque natureza salvaxe pode atopala mergullándose na inmensidade dun océano que, en contacto coas rías, adquire personalidade propia. «A exuberancia na paisaxe é algo característico dos fondos mariños galegos, pero é descoñecido», explican Sara Carrasco (Vigo, 1986) e Silvia Iglesias (Vigo, 1979), dúas mulleres que levan catro anos organizando experiencias divulgativas de submarinismo e exportando a experiencia do mar á terra con fotografías e vídeos. «Nesta sociedade demandamos e temos, pero no mar é vida salvaxe, non sabes o que vas atopar». Demostran que para coñecer a natureza en estado puro non hai que viaxar a África.

Empezaron a poñer o neopreno como afección, para mergullar no Caribe ou en Canarias, pero se fascinaron co atractivo da costa galega. «Podes estar toda unha inmersión observando a vida sobre unha rocha», explica Silvia. «Cando facemos safaris de mergullo, primeiro explicamos o medio, que os que participan coñezan o espazo, pero tamén contamos que a vida aí abaixo vai mudando cada momento». Esas variacións quedan recollidas nas cámaras coas que captan a biodiversidade que logo amosan a través de gafas de realidade virtual en centros educativos e exposicións.

Silvia é psicóloga; Sara, fisioterapeuta. Ambas deixaron as súas carreiras para profundar nun proxecto inclusivo que permite descubrir o que non se ve dende a superficie. «O 2017 foi un ano duro para nós, aconteceron cousas que che din que a vida é curta e hai que desfrutala». Nese momento decidiron canalizar os coñecementos que xa tiñan e seguir estudando sobre o medio mariño para poñer en marcha a cooperativa 13 Grados. O nome fai referencia á temperatura máis frecuente no mar das rías galegas. «Estas augas máis frías provocan que haxa esta biodiversidade que paga a pena coñecer», explica Sara.

O silencio nas inmersións é un regalo para a psicóloga. Silvia ten mente fría para captar a vida baixo a superficie, imaxes que logo empregan para ofrecer unha experiencia virtual en tres dimensións. «Gravamos en 360 graos. Ao introducir eses vídeos nas gafas de realidade virtual, ves o que pasa aí abaixo como si estiveras mergullando, pero sen aletas e sen pasar frío», apunta. Sara traballou moitos anos rehabilitando a nenos con discapacidade. «Quería achegar este medio a persoas que non poden desfrutalo por si mesmas e que teñen limitacións físicas para mergullar. Ver as caras que poñen coas gafas 3D compensa todo», explica a fisioterapeuta.

Nas redes de 13 Grados pódese observar un polbo de preto, ver como se achega a quen o filma e descubrir a complexidade do cefalópodo. «Incidimos en respectar as especies, están na súa casa. Os polbos e chocos son moi curiosos, van achegándose cos seus tentáculos e convértente, por un momento, nun obxecto de interese para eles». Para Silvia o polbo deixou de ser un alimento: «Xa non como case nada do mar. Pásame tamén cos peixes e cos lumbrigantes». Sara engade: «O peixe non é só o do prato»

En xullo e agosto teñen previsto safaris de esnórquel —mergullo con tubo— visitando bateas e bosques de algas na ría de Vigo. Cada experiencia é distinta, tamén para elas. Desprázanse as especies, os cambios da luz do sol mudan a percepción do espazo e os fondos mariños varían nas distintas estacións do ano. «No verán multiplícanse as algas, no inverno son arrasadas polos temporais. Baixas e é como mudar de planeta. Tes outra forma de moverte, non hai gravidade, atopas unha vida distinta ao que estás afeita a ver. É o aquí e agora, o que está fora desaparece», relata Sara.

As augas galegas están máis frías polo fenómeno do afloramento, que introduce cara á terra as augas oceánicas. Isto aumenta os nutrientes nas capas máis profundas e favorece a vida a moitas especies mariñas, pero tamén condiciona a transparencia da auga. Esa menor visibilidade fixo que os fondos galegos foran considerados menos atractivos para o submarinismo durante moitos anos, pero grazas ao traballo de divulgación destas mulleres, esta idea está mudando. «Hai animais como as gorgonias ou corais que no Mediterráneo tes que baixar a moita profundidade para velas, en Galicia están preto da superficie, buscan luz», relata Silvia. Todo este saber acumulado en moitas horas de mergullo está recollido no libro Alén do azul, no que amosan fotos e ilustracións en acuarela feitas por Sara Carrasco, que tamén pinta.

«Á xente chámalle á atención a cantidade de cores que atopas aí abaixo. Mergullarse é unha cura de humildade, ves esas formas de vida e como se adaptan as especies... Por exemplo, a unha estrela de mar córtanlle un brazo e vólvelle saír». Un medio poderoso que é fráxil á vez. É moi habitual atopar lixo e redes pantasma durante as inmersións. «Temos que ser máis conscientes da importancia do mar nas nosas vidas, a metade do aire que respiramos é grazas aos océanos, que regulan o clima. Temos que aprender a deixar unha pegada positiva».

A súa canción

Earth intruders, de Björk. «É unha artista moi completa. É moi vangardista. Emprega a tecnoloxía como parte importante do seu traballo e ten un forte compromiso coa natureza. Acaba de sacar unha canción con Rosalía para xuntar fondos para as campañas ecoloxistas contra as granxas de salmóns en Islandia».