A Universidade de Vigo e a Deputación presentan un ciclo de cinema ao redor da lingua galega

La Voz VIGO

VIGO CIUDAD

Ángel Sousa

As proxeccións terán lugar na sede do Parque Nacional das Illas Atlánticas de Galicia

01 abr 2024 . Actualizado a las 18:42 h.

A Universidade de Vigo e a Deputación de Pontevedra poñen en marcha o ciclo A lingua galega no cine. A primeira parte do ciclo desenvólvese en abril e maio no auditorio do edificio Cambón (sede do Parque Nacional das Illas Atlánticas de Galicia). A actividade comprenderá unha serie de proxeccións e debates sobre a situación do sector audiovisual galego e o valor da lingua galega. O ciclo comezará mañá, martes 2 de abril ás 19.00 horas, coa proxección de Os espazos en branco, de Bruno Arias, que participará no acto.

Durante a presentación do ciclo, a vicepresidenta da Deputación, Luisa Sánchez, destacou a importancia do cinema na súa contribución ao desenvolvemento social e económico dun territorio, e destacou que «para iso precisamos amosar a nosa identidade propia, a nosa singularidade, o que é imposible de imitar porque é unicamente noso».

No ciclo, engadiu a vicepresidenta da Deputación, «o público vai poder gozar de grandísimas historias, dunha amalgama moi diversa de autores e de cintas, tanto longas como curtas, que amosan que o noso cinema, e en xeral todo o noso sector audiovisual, está a pasar polo seu mellor momento tanto de recoñecementos como de público, cuxo apoio é necesario para que a industria poida sobrevivir».

«Reivindicar o uso do galego que, aínda que está tendo unha importancia crecente no eido do cine, non somos de todo conscientes da súa potencialidade», sinalou, pola súa banda, a vicerreitora de Extensión Universitaria, Susana Reboreda, durante o acto de presentación do ciclo.

A segunda película poderase ver o 9 de abril. Será Pelerinaxes, de Simone Saibene. O 23 de abril proxectarase A illa das mentiras, de Paula Cons, e o 30 de abril, O soño da Sultana, de Isabel Herguera. O 2 de maio haberá unha mesa redonda en torno ao título A lingua animada en Galicia. E o 9 de maio proxectaranse as curtametraxes Xoves de comadres, de Noemí Chantada; Mentres iso pasa, de Nacho Ozores; Sandwich Cat, de David Fidalgo; A rabia, de Alberto Díaz; e Nena, de Xosé A. Touriñán.