Un libro para poñer en valor os saberes do rural: «Non hai que ir a Grecia a estudar as democracias directas tendo aquí comunidades de montes»
VIGO CIUDAD
O rianxeiro David García é un dos colaboradores dunha obra con propostas de futuro máis aló do urbano
06 dic 2023 . Actualizado a las 05:00 h.Para reflexionar sobre algo é importante coñecelo en profundidade. De pouco vale iso de emitir xuízos de valor aparentemente correctos se non se sabe ben do que se fala. Iso tamén o comparten os creadores do libro Arredor do rural, comunidade de saberes e innovación socioeducativa, unha obra coordinada a tres bandas por Iria Vázquez, do grupo de investigación Gets-It da Universidade de Vigo; Nuria Fernández, da asociación Euroeume, e David García, un rianxeiro membro da entidade Avoar e do grupo de investigación Esculca.
Este último explica que o documento, cun total de 29 autores, nace coa idea de deixar por escrito todas aquelas conclusións que ían xurdindo dentro do marco do proxecto Arredor do Rural. A iniciativa botou a andar co obxectivo de converterse nun espazo de encontro entre persoas que traballan en distintos ámbitos e, sobre todo, nunha ponte entre o coñecemento académico, propio das universidades, e o popular, ao que segundo o coordinador «non se lle da a importancia que merece».
A obra, publicada este 2023, pretende ser un compendio de diferentes visións que serva, entre outras cousas, para que o alumnado de estudos superiores vexa no rural un lugar no que poder traballar e desenvolver a súa vida: «As opcións de futuro sempre se expoñen mirando ao urbano e nós queremos construír unha visión alternativa».
Para iso, os coordinadores separaron a obra en tres seccións. Na primeira fálase de como abordar as problemáticas que acusan este tipo de territorios, así como da relevancia de apartar os estereotipos que se constrúen dende as cidades: «Nos libros de texto reflíctense as aldeas e vilas pequenas como lugares dos que extraer recursos, percíbense coma un outro, como algo alleo».
Lonxe de deixarse levar por este punto de vista limitado, o barbancés explica que a segunda parte do libro presenta varias formas de diálogo social a través de diferentes vías. Unha delas son os fondos comúns de coñecemento e identidade, cuxa intención é introducir nas escolas ferramentas útiles para que os nenos saiban como funciona o entorno no que viven.
Inspiración local
Unha fonte de inspiración para a creación deste concepto, manifesta García, foron as actividades do instituto Félix Muriel de Rianxo, no que os menores aprenden cousas básicas do seu concello: «Non hai que ir a Grecia a estudar as democracias directas tendo aquí comunidades de montes». Outro dos aspectos a destacar desta parte da obra é un concepto simple pero complexo á vez: a aprendizaxe servizo.
Esta idea trátase da combinación de formación especializada e participación social, unha forma de aportar á comunidade producindo coñecementos e tamén cousas tanxibles: «Se queremos tender pontes é importante que a xente que participe se implique de verdade, que sexa algo que lles pase polo corpo».
Nesta sección tamén se fala dende a perspectiva ecofeminista co obxectivo de deseñar aprendizaxes que pasen pola experiencia e nas que os coidados, tanto ás persoas como ao medio ambiente, se sitúen no centro da actividade social fronte á lóxica capitalista da produtividade.
Esta forma de enfocar a vida, que atravesa todos os contidos do libro, trátase tamén dun dos eixos fundamentais de pensamento das asociacións que participaron na súa creación. A última parte do documento é unha escolma de casos exitosos con exemplos de iniciativas pensadas para e dende o rural que están funcionando moi ben, como o festival Agrocuir da Ulloa.
Conta o rianxeiro que o proceso de creación do libro foi o máis horizontal posible e que nel convidouse a participar a todo tipo de entidades espalladas pola xeografía galega. Algunhas puideron incluírse no proxecto, mais outras, xa fose por falta de tempo ou recursos, tiveron que quedar fóra. «Se entrasen todas as que lles escribimos teríamos material para dúas edicións máis», bromea o barbancés. Explica que para poder facerse con algún exemplar a xente pode pedilo a través de correo electrónico eventos.arredordorural@usc.es ou nas redes sociais de Avoar e Esculca.