Su Garrido Pombo: «Na miña aldea, cantar era parte da vida cotiá»

Begoña Rodríguez Sotelino
begoña r. sotelino VIGO / LA VOZ

VIGO CIUDAD

XOAN CARLOS GIL

A cantautora viguesa ilumina as traseiras da paisaxe urbana co seu disco «Patios de luz»

04 may 2023 . Actualizado a las 00:48 h.

Ás veces, a música da infancia soa afinada e armónica, e cando se ten esa sorte, a melodía métese tan dentro que só pode saír aos poucos, e da mesma maneira doce na que se fixo oco nalgún caixón da memoria. Algo así é o que lle pasou a Su Garrido Pombo (Vigo, 1982). Ela creceu na aldea de Traspielas, no concello de Fornelos de Montes, e, según recorda, «a música alí era xa parte da vida dende ben cedo. A miña avoa, Leonor, coa que me criei ata que aos 4 anos trouxéronme a Vigo para empezar no colexio, cantaba sempre. Reuníase coas veciñas para cantar, e cantaban sempre traballando... Eu veño dese sentimento de que o cantar é parte da vida e non tanto un espectáculo», razoa.

A cantautora viguesa lembra que, aparte do repertorio tradicional dos seráns, entonaba o que escoitaban pola radio, as coplas, boleros e rancheras, «e tamén a música do Brasil, porque o meu avó e moitos veciños da aldea e de toda a zona emigraron alí, o que resultaba un contraste moi exótico». Desa base parte a formación de Susana, abreviado a Su, que é como en confianza e artisticamente faise chamar. «Cando alguén me di Susana é porque me quere botar a bronca ou porque estou facendo papeleo na administración», ri.

Como no seu entorno próximo non había ninguén que se adicase á arte, non lle cabía na cabeza que ía ser ela a primeira. «Traballei de profe moitos anos, dependenta en varios comercios, teleoperadora... A música sempre foi a miña paixón e o meu obxectivo, pero non vía posible vivir disto, que é o gran reto. Para min, iso é o éxito», recoñece.

Estudos de guitarra no conservatorio, de musicoloxía na Universidade de Salamanca, anos de viaxes e de actuacións con banda propia, épocas de tocar na rúa —soa ou acompañada—, son epígrafes do seu currículo, no que sobresae unha xoia: o seu segundo disco, Patios de luz.

A estrea do álbum a quixo facer, precisamente, na taberna da aldea de Traspielas, unha cita que se converteu nun evento máxico, compartido coa familia, amigos e seguidores da súa música. «Gústame levala a sitios onde a xente se sinta cómoda e ás veces os teatros poden ser unha barreira», opina.

Reivindicar espazos en vías de extinción que forman parte do escenario cotiá e as relacións de veciñanza, son elementos clave e parte esencial das súas teimas. De feito, o seu próximo concerto en Vigo terá lugar na Casa de Arriba, na segunda xornada do Festival Vigo Aid, un certame que se celebrará en varios locais os días 12 e 13 de maio a favor de Provivienda e Emaús, fundación social coa que está moi vinculada, tamén a través da música. O fai coa iniciativa Cantamañás, na que, cada mércores, quen o desexa pode apuntarse a cantar nunha dinámica que propicia encontros improbables na mestura cidadá con persoas en risco de exclusión.

View this post on Instagram

A post shared by que pasa no barrio? (@quepasanobarrio)

Do mesmo xeito, está implicada co barrio onde ten domicilio a oenegé que desenvolve proxectos para o fomento do emprego no municipio de Vigo, orientados a promover a inclusión social mediante a participación social. Dese entorno, e desa parte de atrás das vivendas, saen composicións como Rúa do Pracer ou Horta do Berbés, temas do emocionante Patio de luz, título co que fai homenaxe ás galerías traseiras e ocultas polas que sente fascinación porque esconden escenarios reais sen maquillar.

Fartas do amor romántico

«Eu non falo de tópicos, para min as grandes cousas son o día a día, os coidados e a comunidade, non me interesa o amor romántico, do que estamos fartas», asegura a cantautora, que se reafirma como «de aldea e de barrio», di rexeitando a definición de urbanita aínda que os seus primeiros anos en Vigo os pasou no Calvario e agora é veciña do Casco Vello.

O galego é o vehículo verbal que aplica na linguaxe universal da música, e opina que fenómenos coma Tanxugueiras «abriron unha fenda importante, pero coa música tradicional. Na de autor aínda non estamos aí», lamenta, subliñando coma exemplo que «non se escoita música cantada en catalá, en galego ou en euskera nos medios nacionais». Pero o que máis lle doe é «que non estemos moito máis conectados coa lusofonía, e que o galego sexa unha barreira a ambos lados da fronteira», lamenta a artista, que formou parte do grupo folk Lembranzas Galegas, do grupo Sonhos, do grupo Treme con Margarida Mariño e de Son Trío, coa pianista Katerina Linke e a chelista Susanna Blanco, coas que segue en activo, «pero a maternidade fai que as cousas vaian máis lentas, eu penso que hai que reivindicar a lentitude», destaca a cantante, que hai un lustro gravou o seu primeiro disco en solitario, Quedo a vivir aquí, e marchou de xira a Portugal e Irlanda.