O Museo do Gravado alíase con Arxentina para amosar a súa arte gráfica

María Xosé Blanco Giráldez
m. x. blanco RIBEIRA / LA VOZ

VIGO CIUDAD

Catro creadores expoñen os seus traballos nunha anovadora proposta con variedade de estilos, técnicas e soportes

11 mar 2023 . Actualizado a las 19:14 h.

No 2021, o Museo do Gravado de Artes aliárase co consulado de Arxentina en Vigo para ofrecer unha exposición sobre Albino Fernández, un pintor e gravador cubano con nacionalidade arxentina. Agora volve a establecer os mesmos lazos para ofrecer a arte gráfica contemporánea dos país americano da man de catro artistas: Graciela Buratti, Gustavo Larsen, Marina Rothberg e Mara Sánchez.

A exposición Gráfica en tránsito foi inaugurada o sábado e permanecerá no centro museístico de Ribeira ata o 30 de abril. Trátase dunha colección que mestura técnicas, estilos, soportes e temáticas para ofrecer un diálogo entre modernidade e tradición. Xilografías en pezas téxtiles e pinturas sobre cartóns conviven con augafortes, colaxes ou fotogravados para falar de viaxes, de violencia, de emigración ou de mestizaxe. A través destas obras exhibidas na sala 0 do museo, o público achegarase á riqueza da arte arxentina contemporánea, así como ás preocupacións sociais e estéticas dos seus artífices.

Ao carácter anovador da proposta e ao feito de volver a estreitar lazos co consulado de Arxentina en Vigo fixo referencia o director das instalacións, Pastor Rodríguez Santamaría, no acto de inauguración. Como obxectivos que se perseguen con esta exposición, destacou «amosar as inmensas posibilidades da arte da estampa en todo o mundo» e manter a vocación de universalidade do museo.

Pastor Rodríguez tamén afondou nos lazos que unen a Galicia con Arxentina: «É un país onde deixamos raíces, un estado no que miles de galegos viviron e que é especial para todos».

Estaba prevista a asistencia ao acto de Horacio Doval, cónsul de Arxentina en Vigo, pero no seu lugar participou o vicecónsul, José Valiente, que amosou a súa satisfacción pola liña de colaboración existen co Museo do Gravado de Artes e pola posibilidade que lle brinda de ser escaparate dos creadores do país americano. Xunto a el desprezouse ata Ribeira Verónica Paula Pozzi, encargada de asuntos culturais de dito organismo.

O alcalde de Ribeira e presidente da Fundación Museo do Gravado de Artes, Manuel Ruiz, encargouse de pechar o acto, aludindo ao peso que ten a emigración arxentina.

No centro tamén está aberta a mostra Picasso. Gravados ao linóelo, cuxa inauguración, prevista para o xoves, foi adiada.