Águeda Gómez: «Habería que impartir educación afectivo-sexual nas universidades»

Bibiana Villaverde
bibiana villaverde VIGO / LA VOZ

VIGO CIUDAD

M.MORALEJO

A Universidade de Vigo foi pioneira na distribución de produtos menstruais ás alumnas; agora estrea unha medida para que as docentes non interrumpan a carreira ao ter fillos

04 feb 2023 . Actualizado a las 05:00 h.

«Os puteros non nacen, fanse, e polo tanto pódense erradicar». Así de contundente é Águeda Gómez (O Rosal, 1971), profesora de Socioloxía na Universidade de Vigo e directora la Unidade de Igualdade da institución. Activista en contra da pornografía mainstream que está ao acceso dos rapaces en internet, Gómez cre que o Estado debe rearmarse contra o machismo coa ferramenta máis útil á súa disposición, a educación. «Habería que impartir educación afectivo-sexual obrigatoria en tódolos niveis educativos, tamén na universidade. Así o di a lei, e é a forma que temos de loitar contra a apoloxía que fai a pornografía da violencia contra as mulleres. Hai que ensinarlle aos alumnos que iso non é sexualidade».

A universidade holandesa de Maastrich acaba de anunciar que incluirá como formación obrigatoria as clases para previr o acoso sexual, tras detectar que o 47 % do alumnado recoñecía, aló menos, un incidente de abusos relacionados co sexo. «Na Universidade de Vigo fixemos un diagnóstico no 2018 e obtivemos unha incidencia estatística escasa, pero no cualitativo si había situacións que podían considerarse violencia: comentarios sexistas e tamén casos de acoso entre alumnos e profesor-alumna, que é o máis habitual. En cinco anos, o protocolo de acoso se activou unha vez». Á Unidade de Igualdade chegan, sobre todo, consultas de docentes sobre corresponsabilidade e algunha queixa de expresións nas aulas que teñen compoñentes machistas. «Son temas moi puntuais porque temos unha masa crítica feminista. Hai investigación na Universidade sobre o tema, puntos lilas nas festas, eximimos as cotas ás vítimas de violencia de xénero, temos un campus de conciliación...». A estrela das medidas é a distribución de produtos menstruais para as alumnas.

A Universidade de Vigo foi pioneira en Espana, sendo a primeira institución educativa que distribúe caixas de compresas e tampóns entre as alumnas. Hai un ano instaláronse máquinas expendedoras nos campus ás que as alumnas se poden achegar coas súas tarxetas de estudantes e retirar tres caixas mensuais. «Hai un uso moi responsable. Dignificamos a menstruación, son produtos que necesitamos e non hai que darlle máis voltas. As universidades sempre foron espazos masculinizados, esta medida é un xiro para que a universidade sexa para todos». Águeda Gómez asegura que teñen recibido consultas de institucións educativas de varios puntos de España para poñer en marcha unha medida que lle custa á Universidade de Vigo uns 10.000 euros cada curso.

Investigadoras e/ou nais

Na Universidade hai unha fenda laboral e salarial. As mulleres son a maioría entre o alumnado, o 54 %, pero son menos da metade do persoal docente, no que representan un 42 %. A porcentaxe mingua dramaticamente cando falamos de mulleres catedráticas, son apenas un 26 %. Unha realidade que nada ten que ver co talento. Segundo os datos do Observatorio da Universidade de Vigo no ano 2022, as alumnas posúen mellores cualificacións e gañan a maioría de premios de excelencia académica. «Vimos que cando as docentes e investigadoras tiñan nenos pequenos, minguaba a súa produción investigadora, que é o eixo principal da promoción académica. Non pasaba no caso deles, nos que moitas veces esa produción científica incluso se disparaba». Para compensar esta desigualdade vén de poñerse en marcha a desgravación de docencia para as académicas nais, neste cuadrimestre que acaba de arrancar. Están exentas de dar clase no primeiro ano de crianza do seu bebé, e no segundo ano, solo teñen que impartir o 50 % das horas de formación. «Para que centren os seus esforzos na produción científica», explica a socióloga. Preocupa agora o descenso de mulleres en carreiras tecnolóxicas e científicas.

A universidade é un mundo en miniatura que ten a obriga de formar e preparar as elites sociais do futuro. Esta socióloga é experta na machosfera, un novo concepto que aborda como se financian campañas de misoxinia a través das plataformas como YouTube. «No ámbito dixital se está a disparar a publicidade sexista. Non solo é a pornografía, tamén espazos como Forocoches. As profesionais mulleres reciben en redes sociais uns ataques distintos aos que reciben os homes, en cantidade e no tipo de argumentos».

Alumna da Universidade Complutense, onde recibiu clase de Ramón Ramos ou Rosario Otegui, Gómez non esquece quen lle espertou o amor pola socioloxía: «Foi unha profesora no Instituto Santa Irene de Vigo, Nuria. Penso que é necesario aplicar unha mirada crítica a tódalas desigualdades, pero é fascinante ver como o patriarcado se rearma cando podería relaxarse e ser máis felices. É unha orde que empeza a quebrar».

A súa canción favorita

«Cannonball», The Breeders. «Gustábame moito Pixies e houbo unha escisión, as dúas irmáns foron a The Breeders. Esta canción ten moita forza e encántame. Cando necesitas, ao escoitala, ponche as pilas. Na batalla pola igualdade fai falla un pouco de épica e humor para seguir cara adiante».