Dezaoito concellos da área de Vigo comprométense a empregar o galego nas súas relacións coa xustiza

La Voz VIGO

VIGO CIUDAD

Rafa Estevez

O acordo, chamado Declaración de Pontevedra, foi asinado tamén pola Deputación, a Xunta e a Irmandade Xurídica Galega

14 ene 2023 . Actualizado a las 18:57 h.

A presidenta da Deputación, Carmela Silva, cualificou de feito histórico o manifesto chamado Declaración de Pontevedra asinado polo ente provincial, a Irmandade Xurídica Galega, a Xunta de Galicia e 35 pequenos concellos da provincia, polo que se comprometen a fomentar o uso do galego nas relacións entre as corporacións locais e a xustiza. O obxectivo é normalizar o galego como lingua do dereito e das relacións e procesos nos que interveñan os concellos, así como o compromiso de que os representantes municipais, mediante asesorías propias ou externalizadas, soliciten á xustiza que as resolucións lles sexan notificadas no idioma de Galicia. No texto tamén se recolle que, de aquí en diante, as contratacións de asesorías xurídicas externas por parte dos concellos deberán incluír unha cláusula para que as actuacións procesuais que se realicen en nome de cada unha das corporacións locais asinantes da ‘Declaración de Pontevedra' sexan en lingua galega.

Na sinatura do manifesto estiveron procedentes da área de Vigo a alcaldesa de Redondela, Digna Rivas; a alcaldesa de Salceda, Verónica Tourón; e os concelleiros de Soutomaior, Mos, e a tenente de alcalde de O Porriño, Carolina González Costas. Da comarca do Val Miñor estiveron a deputada Raquel Giráldez, representando a Nigrán; o alcalde de Baiona, Carlos Gómez; e a concelleira Iria Lamas, de Gondomar. Do Baixo Miño acudiron a alcaldesa do Rosal, Ánxela Fernández, e representantes de Tui e Tomiño. O Concello da Guarda asinará a posteriori. Da comarca do Morrazo estiveron presentes a alcaldesa de Moaña, Leticia Santos; e o alcalde de Bueu, Félix Juncal. O Concello de Cangas asinará máis adiante.

Finalmente, do Condado-Paradanta estiveron o alcalde de Mondariz, Xosé Emilio Barros; o de Mondariz Balneario, José Antonio Rodríguez; e concelleiros de Ponteareas e As Neves.