Santiago Domínguez: «Chorei cando cheguei ás Cíes e vin o chapapote»

Jorge Lamas Dono
jorge lamas VIGO / LA VOZ

VIGO CIUDAD

Oscar Vázquez

O exconcelleiro do BNG en Vigo vén de publicar en Galaxia un relato sobre a catástrofe do Prestige

12 ene 2023 . Actualizado a las 23:35 h.

Santiago Domínguez, exconcelleiro do BNG en Vigo e exsecretario xeral de Deportes na Xunta, vén de publicar en Galaxia Cando choraron as Cíes, un relato de recordos propios e alleos sobre a crise ecolóxica orixinada polo afundimento do Prestige.

—Cal é a orixe do libro?

—Naceu nunha conversa con Amador Fernández, con quen vivín intensamente aqueles tempos. A min gustoume a idea e me pareceu ben facer unha reflexión sobre o que aconteceu e, ao mesmo tempo, poñer en coñecemento de moita xente aquilo que padecemos co Prestige.

—Como encamiñou o seu relato?

—Eu non quería que só fose un relato baseado nas miñas vivencias, polo que empecei a falar con xente que o viviu. Estiven en Carnota, Muxía e outras localidades da Costa da Morte, e falei con moita xente porque quería recoller o maior número de opinións.

—Como o recordan?

—Hai unanimidade entre a xente coa que falei, que foi moita, en que o peor foi a decisión adoptada de afastar o barco da costa. Eu falei con xente con coñecemento na materia, como profesionais da náutico-pesqueira ou salvamento marítimo e demais, e todos coinciden en rexeitar aquela decisión. Todos aínda se preguntan por que non se trouxo o barco a un punto da costa para evitar o seu afundimento en alta mar. E daban solucións tecnicamente posibles para que a marea negra afectase a unha pequena parte da costa galega.

—E dende o punto de vista emotivo?

—Recordan a falta de verdade das información oficiais e o desprezo con que os trataron as autoridades. Os mariñeiros escoitaban ao Goberno dicir que non era para tanto, pero eles vían como chegaba á costa o petróleo. Tamén recoñecen que, despois da catástrofe, a Xunta de Galicia facilitou as axudas para a recuperación. Valoraron positivamente que, despois dunha nefasta xestión e negar as evidencias, houbo axudas que tranquilizaron a moita xente.

—Foi a solidariedade o mellor de toda a catástrofe?

—Si. Eu conto no libro que daquela ían voluntarios a diario ás Cíes para axudar na limpeza. Incluso houbo solidariedade de moitas empresas que nos mandaron material. Eu chorei cando cheguei as Cíes e vin como estaba de chapapote a praia de Rodas. A experiencia máis bonita de todo aquilo foi como os voluntarios se esforzaron por sacar aquel chapapote, e iso que cando regresaban ao día seguinte vían que estaba alí novamente.

—E como recorda o movemento Nunca máis?

—Foi unha resposta unánime da cidadanía contra a actitude das autoridades. Xunto coa solidariedade, para min e outra xente que amamos esta terra, foi moi positiva a reacción en torno a Nunca Máis. Fíxonos ver que se nalgún momento alguén quixéranos aldraxar, como pasou entón, a sociedade galega sabería responder.

—No epílogo do libro imaxina o que podería ter pasado se a decisión do Goberno fora outra.

—Despois de ter falado con tantos técnicos e xente do mar, e ver que todos ían na mesma dirección, digo no epílogo do libro que a solución do problema non debería ter sido tan difícil. Así que pensei como puidera ter sido a historia se aquel goberno tomase a solución que todos os técnicos apuntan. Ata atrévome a cambiar o Nunca máis polo Así sempre.

—Vostede, que traballa con nenos, percibe que eles coñecen o que supuxo o Prestige?

—Evidentemente, non viviron aquilo, pero eu vexo con esperanza que os nenos e as nenas de hoxe, cando lle falas do cambio climático ou outros temas ecolóxicos, son moi receptivos e amosan moito interese. Cando lles conto o que pasou, percibo que teñen a sensación de que non pode ser así o seu futuro. Entenden ben o que é o ecoloxismo e a sostibilidade.

—Tomoulle gusto á escrita?

—Pois si. Comecei na pandemia cun diario porque botaba en falta aos meus alumnos. E agora este libro. Non descarto escribir algo de ficción.