A profe que rega o Barrio das Flores con música: «Teñen menos fracaso escolar»

Bibiana Villaverde
bibiana villaverde VIGO / LA VOZ

VIGO CIUDAD

Oscar Vázquez

A orquestra infantil do CEIP Vicente Risco de Teis é un proxecto pioneiro en Galicia que busca a inclusión nun entorno vulnerable. «Empezamos con instrumentos de cartón»

11 dic 2022 . Actualizado a las 02:00 h.

No CEIP Vicente Risco de Vigo non funciona ben a calefacción. A friaxe nas aulas se torna calidez cada tarde nos ensaios de Son das Flores, unha orquestra de corda composta por alumnos de entre 6 e 12 anos, veciños do Barrio das Flores, en Teis. Hai un ano que o proxecto empezou a andar. Hoxe, a metade dos nenos deste cole no que estudan 100 rapaces de 20 nacionalidades distintas saben tocar un violín, unha viola ou un violoncello. Sandra Fernández (Vigo, 1977), profesora de música no centro, é a impulsora dun programa que implica a toda a comunidade educativa e ás familias. «Para eles é un momento de goce, de desfrute, de estar cos compañeiros. Polas mañás no cole me preguntan si pola tarde hai Son das Flores e hai nenos que incluso veñen aos ensaios doutro grupo».

Cando esta docente acadou a súa praza como profesora no Vicente Risco empezou a barruntar que podía facer para canalizar o talento duns alumnos con menos oportunidades que a maioría dos nenos vigueses. As extraescolares son un luxo para moitas destas familias que non dispoñen de tempo ou recursos para matricular aos seus fillos no Conservatorio. A inspiración chegou a través do programa Got Talent, onde Fernández descubriu a Fundación Acción por la Música. «Vin a Camerata Tetuán e me dixen: ‘Eses nenos son os nosos nenos’. Coñecín a Fundación e contactamos con eles. Levan dende o ano 2013 con proxectos similares en Madrid baseándose na experiencia do profesor José Antonio Abreu en Venezuela. Ata o de agora non se fixera nada similar en Galicia».

Para conseguir a igualdade de oportunidades, Son das Flores non solo forma aos nenos de balde, senón que tamén proporciona instrumentos reais aos alumnos. «Empezamos con instrumentos de cartón, cun taller para construílos no que implicamos ás familias. Cada neno se converteu nun pequeno lutier e fixo o seu. Incluso os tunearon, de feito temos instrumentos rosas con lunares lila». A docente asegura que, ao facelos eles mesmos, aprenderon a respectar e coidar os instrumentos. «Construíndoos coñeceron as súas partes. Os instrumentos de cartón tamén nos serviron para saber posicionalos correctamente, e aprenderon a pasar o arco, que era un pauciño de madeira. Chegamos a facer un concerto no que eles puñan o son coa súa voz, grazas ao que tamén aprenderon a técnica vocal. Foi unha experiencia marabillosa». Hoxe, grazas a doazóns, teñen 26 instrumentos de corda que lle permitiron organizar o seu primeiro concerto no Auditorio de Teis, o pasado mes de xuño. «Subir ao escenario e ser o centro de atención, ver que lles aplaudían e recoñecían o seu traballo foilles moi ben para a súa autoestima. No auditorio, os nenos se converten en artistas, son moi profesionais cos instrumentos. Choramos todos de emoción». 

Campaña de crowdfunding

«No cole se respira un ambiente musical incrible, os nenos van canturreando polos corredores... Os profes nos contan que na clase prestan máis atención dende que van a Son das Flores, melloran o seu rendemento académico e teñen menos fracaso escolar». A orquestra naceu sen orzamento pero os nenos van medrando e precisando coñecementos cada vez máis sofisticados. Sandra Fernández ten o Grao Superior no Conservatorio de Vigo de piano, e aínda que tamén conta co Grao Profesional de Viola da Gamba, precisa apoio de mestres especializados en instrumentos de corda. «Non temos fondos de Administracións nin entidades privadas, por iso puxemos en marcha esta campaña para mercar instrumentos e contratar profesores que lles poidan dar unha formación de calidade. Ata agora funcionou de xeito totalmente altruísta pero queremos que se consolide». A Fundación Acción pola Música é a que está atesourando as doazóns, precisan 6.500 euros que están recabando a través da plataforma Verkami (https://www.verkami.com/projects/33901-sondasflores-orquesta-infantil-en-el-ceip-vicente-risco-vigo). Fernández acredita así que os fondos irán ao seu destino, un proxecto que está a regar o barrio das flores de música e oportunidades.

Esta docente ben podería facer unha contabilidade dos fondos recibidos, licenciada en Administración de Empresas foi directora dende os 22 anos dunha empresa familiar con 40 traballadores, despois de que a súa nai tivera un accidente incapacitante. Cando Sandra tivo á súa filla e tras fundar en Vigo un colectivo de apoio aos inmigrantes, decidiu cumprir o seu soño e opositar para profesora de música; así foi como chegou ao cole Vicente Risco. Fernández comezou a súa carreira musical aos sete anos, a mesma idade que teñen moitos do seus alumnos. «É importante que a música entre no cole e actúe con todo o seu poder». Algún dos seus rapaces ten pasado a proba de acceso do Conservatorio e quen sabe se, grazas a Son das Flores, algún día Vigo poida ter un talento como o de Ara Malikian.

A súa canción favorita

«Color Esperanza», de Diego Torres. «Cando penso na bando sonora deste proxecto se me ven continuamente esta canción á cabeza. Representa esperanza, ilusións, soños e a mensaxe de que se poden cumprir os desexos. Cando ves ós nenos cun contrabaixo, que é súper grande, emociona».