Mariana Carballal: «Cando hai unha muller protagonista, o 70 % dos secundarios son homes»

Bibiana Villaverde
bibiana villaverde VIGO / LA VOZ

VIGO CIUDAD

Oscar Vázquez

A actriz e directora pide que se cumpra a lei de igualdade no mundo do espectáculo. «Galicia é un territorio o suficientemente pequeno como para poñer nomes ao acoso»

22 oct 2022 . Actualizado a las 23:56 h.

O salón parroquial de Albarellos de Monterrei foi o seu primeiro escenario. Antes de ter pisado un teatro ou de descubrir o mundo a través da pantalla dunha televisión de tubo, Mariana Carballal (Monterrey, 1962) xa sabía que quería ser artista. Hoxe é unha das actrices e directoras galegas con máis traxectoria. O seu traballo como Maribel no Show dos Tonechos segue a estar no imaxinario colectivo e as súas clases na Escola Superior de Arte Dramática en Vigo, onde vive, moldearon a varias xeracións de artistas galegos.

Igual que aquela nena de Albarellos, a Mariana adulta foi unha precursora cando asumiu a encarga de dirixir a serie Libro de Familia, nun momento en que non había mulleres en cargos executivos. Tamén levou a dianteira ao fronte de Escoba, un produto televisivo cun elenco feminino composto por actrices maiores de 50 anos: «Nese momento tiven que oír de todo». Máis de dez anos despois, nos que o feminismo se botou á rúa e nos que Hollywood destapou o mundo escuro que se escondía tralos focos, o sector do espectáculo segue a ser desigual. Hoxe as obras dirixidas por mulleres apenas superan o 20 %, non o teñen máis doado as actrices, que deixan recibir encargos cando van sumando velas no aniversario e son minoría nas carteleiras. «Se repite unha e outra vez que a igualdade está acadada pero non é certo. Está moi de moda facer thrillers policíacos con mulleres protagonistas, pero con cada muller protagonista, atopas un 70 % de homes en personaxes secundarios. A protagonista terá así unha vida máis ampla nos universos dos homes, e tamén fai que haxa máis contratación masculina».

Esta desigualdade vai estar moi patente no primeiro Encontro Internacional Mulleres da Escena en Igualdade que dirixe Carballal, coordinadora en Galicia do colectivo nacional Clásicas e Modernas, que organiza as xornadas que se van celebrar na Casa das Artes de Vigo entre o 25 e o 27 de outubro, coa colaboración da Deputación de Pontevedra e o Concello de Vigo. «Necesitamos espazos escénicos para contar as nosas historias, os nosos puntos de vista. Cando a maioría dos que dirixen son homes, se están creando universos simbólicos masculinos cando máis do 50 % do público son mulleres. Cantos máis encontros fagamos, máis posibilidades hai de que non faga falta o movemento Me Too». Galicia non é Hollywood nin os actores teñen aquí cachés millonarios, pero os problemas non distan tanto dos que teñen denunciado as grandes estrelas.

Un Me Too en Galicia?

Cinco anos despois de que a industria do cine americano limpase o lixo que podrecía as carteleiras de grandes éxitos, compre preguntar se Galicia se libra do acoso machista tralo pano. «Galicia é un territorio o suficientemente pequeno como para pór nomes, si é necesario poñelos. É un territorio con mulleres fortes que teñen que ser capaces de denunciar. A nosa ferramenta de traballo é o corpo e iso pode provocar confusións, a liña é feble, pero aínda así hai persoas que nunca nos confundimos, a pesares de ter xerarquía. Non se pode tratar a actrices e a actores como obxectos, o corpo é sagrado. Hai que deixar de reafirmarse en condutas machistas ou pouco éticas». Asegura Carballal que se está a crear unha rede de artistas para reivindicar a igualdade e promover un cambio de mentalidade. «Claro que hai idadismo nas artes escénicas. Os compañeiros de 70 anos poden ser galáns, e ter de parella a mulleres de 30 anos, sen que ninguén se espante. Séguense escribindo os guións así. Eu teño 60 anos e a maioría das compañeiras da mesma idade traballan moito menos que eles. Nós xa non somos ese valor de produción, iso que se di cando unha persoa atrae ao público». Sobre a fenda salarial, asegura que se traballa moito por convenio pero non descarta que exista, «cando os homes son protagonistas se considera que eles levan máis espectadores».

A nena de Monterrei que se fixo artista anda ocupada e preocupada por mudar algunhas imperfeccións dun oficio que considera «ben serio e ben importante» e polo que está disposta a perder horas de sono. «Estanse conseguindo cousas importantes. Cando cheguei a Madrid e fixen unha proba me dixeron si podía ler o texto en castelán... E o estaba lendo en castelán! Cando traballaba en series nacionais me pedían que fixera o acento neutro. Como si os de Valladolid non tiveran acento! E agora xa case nos piden que fagas que tes acento galego». Un paso de xigante que se conseguiu grazas a produtos audiovisuais que reivindicaron de xeito natural a diversidade lingüística. «Hoxe en Galicia hai grandes nomes como o de Marta Pazos, Noemí Rodríguez, Esther Carrodeguas. As Panadeiras... Moitas foron alumnas miñas e cando coincido con elas traballando son eu a que me poño nerviosa».

A súa canción favorita

«A que rubimos montañas», de Uxía. «Escollín este tema porque a mensaxe é moi especial. Subscribiría cada letra e palabra desta canción. Eu admiro a Uxía, quéroa moito, é unha artista marabillosa e tamén feminista. Temos que sumar ás mulleres que abriron espazos e camiños e que se deixaron a vida».