«Sabemos dun instituto da comarca no que houbo 12 intentos de suicidio»

Bibiana Villaverde
bibiana villaverde VIGO / LA VOZ

VIGO CIUDAD

XOÁN CARLOS GIL

Iria Salvande, dirixente das anpas de Vigo, reclama máis recursos para a saúde mental dos nenos. «Ao principio pensei: 'En vaia lío me metín'. Este cargo non entraba nos meus plans»

10 sep 2022 . Actualizado a las 16:19 h.

Un accidente de moto tras unha reunión da inspección de traballo deixoulle a Iria Salvande (Vigo, 1979) varios osos rotos e unha nova dedicación. A responsable da federación de banca da CIG estaba de baixa médica e tiña, por primeira vez en moitos anos, as mañás libres, así que comezou a frecuentar o colexio da súa filla, o CEIP Seis do Nadal. Foi cuestión de tempo que o seu espírito reivindicativo a convertera en presidenta da Anpa do centro. A partires de aí, asegura, escapóuselle das mans. «Pedíronme que fora a presidenta da Federación de Anpas de Vigo, pero eu me resistía porque temía que a miña situación no sindicato puidera ser contraproducente. Aínda así, consideraron que eu era a persoa». Diso hai ano e medio no que a pandemia puxo a proba o sistema educativo público.

Neste curso que arranca sen restricións covid nos centros, unha nova lei volve tensar a volta ás aulas. A Lomloe acabará normalizándose pero hai outro asunto polo que están moi preocupados en Foanpas, a saúde mental dos nenos. «Estamos a ver que, tras dous anos de pandemia, hai problemas de socialización en moitos nenos. Rapaces aos que lles costa xogar con outros, que teñen medo de relacionarse. Temos que ver que facer con estes casos neste curso». A Federación de Anpas de Vigo vén de levar a cabo dúas xornadas e varias charlas con expertos para axudar ás familias ante estes casos. «Os pais moitas veces non saben a onde acudir, inténtano no cole, na anpa do centro e acaban chegando a nós. As charlas que fixemos foron multitudinarias». Para analizar a situación estase facendo un informe no seo da federación no que se apunta a algunha das causas. «Non ten sentido que nun instituto de 600 alumnos haxa un orientador. Existen moitos problemas, nenos con necesidades especiais, e outros que necesitan atención. Coñecín un dato que me deixou alucinada, sabemos que hai un instituto da comarca no que houbo, nun curso, 12 intentos de suicidio. Oito nenos que o intentaron, aló menos unha vez, e unha nena que o intentou varias veces. É moitísimo».

Foanpas creou hai anos a Comisión de Necesidades Específicas de Apoio Educativo para orientar ás familias pero tamén reclama á Administración que afronte o problema con recursos reais. «Non pode ser que nun instituto como o de Chapela, con dous orientadores asignados, houbera solo un durante todo o curso pasado», reivindica. Por iso, este curso a saúde mental será prioritaria na federación de nais e pais vigueses, que representa a 79 centros públicos da cidade.

Sube o custo do comedor

Esta organización, nacida no ano 1992, xestiona na actualidade 24 comedores con 2.250 nenos. Un servizo que sufragan con subvencións públicas da Xunta e do Concello de Vigo que non subiron a asignación, a pesares de que aumentaron os comensais. Para cadrar as contas, o comedor encarécese este curso de 72 euros a 80. «Coa pandemia aumentaron os nenos con beca de comedor, aos que nós lle suplementamos o custo do menú para que non paguen. Isto nos obriga a subir os prezos». Cada día se tiran comidas por valor de 3.000 euros que se corresponden a menús de familias que non avisan de que o seu fillo non comerá no colexio.

A nena da casa. Salvande naceu en Vigo. É filla única e nai dunha nena de oito anos.
A nena da casa. Salvande naceu en Vigo. É filla única e nai dunha nena de oito anos.

Este ano haberá un debate no seo da federación sobre a xornada continua. Varios centros públicos teñen solicitado mudar os horarios, para que os rapaces entren máis tarde e teñan xornada partida. «Eu teño a miña opinión, pero se vai debater e votar. Creo que non podemos dar o debate pensando só na conciliación. Hai nenos de infantil que empezan a xornada en madrugadores, comen no centro e rematan as actividades ás cinco da tarde. Nove horas no cole con só seis anos... E penso que a educación pública e a concertada deberíamos ter todos o mesmo horario».

Cuestións coma esta decídense no seo da organización, da que forman parte as nais e pais que participan nas anpas dos seus colexios. Elas seguen sendo «maioría aplastante». «Eu quero saber que tipo de educación recibe a miña filla, e supoño que lle pasa a todos os pais. Si podemos mellorar cousas, entre todos é máis doado. Nun anpa onde participa moita xente, o cole vai mellor». ¿Isto significa multiplicar os grupos de Whatsap? Salvande sorrí e asegura que o chat de Foanpas é moi levadeiro.

Cunha dedicación como presidenta que supón unhas seis horas á semana, queda tempo para acompañar á nena cos deberes e para atender as obrigas laborais, ás que leva tempo reincorporada. «Este cargo non entraba nos meus plans, pero si tes unhas ideas non podes quedar no cuarto da saúde. Ao día seguinte de ser escollida pensei: ‘En vaia lío que me metín’. O primeiro problema foi o peche da escola infantil de Santa Marta». A pesares dos problemas, asegura que paga a pena como unha parte máis da entrega maternal: «Cando ía a clases preparto non me preocupaba parir, ía haber médicos, preocupábame o día despois. Nunca pensei que isto fora tan complicado».

A súa canción favorita

«Hierro y Níquel », de Los Planetas. «Escollín esta canción para rematar a entrevista porque, cando era unha moza e tiña vinte anos, era un tema que me encantaba dun dos meus grupos de música favoritos. A verdade é que agora escoito menos música, pero apetecíame recordalo».