Tanxugueiras libera a Vigo dos seus males con pandeireta en man

Daniel Portela Otero VIGO / LA VOZ

VIGO CIUDAD

Óscar Vázquez

O trío folk galego actuou onte en Castrelos, precedido por Laura LaMontagne & PicoAmperio

31 jul 2022 . Actualizado a las 05:00 h.

No Diluvio universal, Deus castiga á humanidade por toda a súa maldade. No seu particular Diluvio —unha reinterpretación do mito en formato de disco recentemente estreado—, as Tanxugueiras descompoñen os pecados capitais e abren a súa propia arca de Noé, que navegou en Castrelos a pesar da calor da noite do 30 de xullo. A choiva do trío folk empapou ao público do auditorio en suor e limpounos de todos os seus males durante unha hora e media. Malia un primeiro día frouxo na venda de entradas respecto ao resto de concertos, pista e bancadas enchéronse igual ante a expectación polo grupo que en xaneiro agrupou a esperanza de Galicia no Benidorm Fest, motivo de atraso do seu novo traballo discográfico, por fin fóra desde o venres.

Precedidas por Laura LaMontagne & PicoAmperio, Aída Tarrío e as irmás Sabela e Olaia Maneiro penaron a avaricia con Midas, pero perdoaron a luxuria con Pano Corado e a gula en Fame de Odio, alegacións en favor da diversidade afectivo-sexual e corporal, atravesados en todo o seu traballo pola súa militancia feminista. Así transforman elas os pecados en aprendizaxes e trasládanllos ao público.

Os temas do seu último traballo fíanse con algúns dos seus anteriores álbumes, Contrapunto e Tanxugueiras. Fano máis espidos que os novos, onde a produción afástase do tradicional e das pandeiretas e mestúrase co urbano comercial e o pop.

Esa liberación explotou coa euforia de Terra, un canto de orgullo polo propio e de ruptura de fronteiras que segue a conseguir que ao público se lle escoite berrar nos seus numerosos bolos programados para verán.