Vigo abre unha fiestra á casa natal de Rosalía de Castro

La Voz VIGO / LA VOZ

VIGO CIUDAD

cedida

A Deputación de Pontevedra presenta unha mostra na Farola de Urzaiz  que permitirá á cidadanía realizar un percorrido pola historia do museo rosaliano

07 jul 2022 . Actualizado a las 05:05 h.

A Deputación de Pontevedra vén de inaugurar esta tarde na Farola de Urzáiz, en Vigo, a exposición A casa de Galicia. 50 anos da Casa de Rosalía, comisariada por Pepe Barro, unha mostra no espazo exterior que ata o 20 de xullo permitirá á cidadanía viguesa realizar un percorrido pola historia do museo rosaliano e lembrar o fito que supuxo en pleno franquismo conseguir mercar, restaurar e musealizar a casa da universal escritora grazas á colaboración de milleiros de persoas.

A mostra fai un repaso pola historia da Casa-Museo que se abriu ao público o 15 de xullo de 1971, en pleno franquismo, grazas á implicación de milleiros de persoas e entidades de todo o país e da emigración. O Patronato Rosalía, creado en 1947, convertérase antes en refuxio do galeguismo con actos, como a Misa de Rosalía en Bonaval, que eran auténticos encontros de afirmación galeguista. Nin sequera o franquismo puido facerlle fronte á vontade popular de recuperar a Casa.

Daquela participaran centos de persoas anónimas de Galicia a partir da proposta de José Manuel Rey de Viana, organizáronse colectas en moitas vilas e en case todos os centros galegos na emigración, uníronse máis de 70 concellos, varios bancos, equipos de fútbol e innumerables asociacións de todo o país.