As mulleres da folga de 1972 en Vigo: «Hai risco de perder o que logramos»

Bibiana Villaverde
bibiana villaverde VIGO / LA VOZ

VIGO CIUDAD

Oscar Vázquez

Foron detidas e arrestadas no cárcere de Príncipe, e perderon o seu traballo en Álvarez por participar no movemento obreiro. «Pasámolo mal pero foi un zarpazo ao réxime»

02 abr 2022 . Actualizado a las 05:00 h.

Ano 1969, Vigo.

—Noraboa, está vostede en estado.

—Iso que é?

—Que está preñada.

A conversa é entre un médico e unha muller embarazada do seu primeiro fillo, pero non transcorre nunha consulta senón no cárcere. Pilar Pérez recibiu a nova cando estaba detida, na prisión de Príncipe. O seu delito foi participar nunha protesta do Primeiro de Maio xunto co seu marido, que tamén foi arrestado.

Margarita Rodríguez Montes ía mercar un polo á carnicería cando se lle achegaron uns comisarios e a levaron a declarar por participar na folga de setembro de 1972. Xa non regresou a casa. Mandou recado para que se fixeran cargo do seu fillo dun ano mentres cumpría condena.

Pérez e Rodríguez Montes son agora dúas xubiladas de cerámicas Álvarez que dedican o seu tempo a coidar aos netos e á familia, pero detrás da rutina das dúas amigas agóchanse os recordos e a satisfacción de ter sido protagonistas da folga de 1972, da que se cumpren 50 anos. «Recórdoa como a mellor folga. Foi moi difícil, estabamos na clandestinidade, deu moito traballo facela, e tamén rematala, pero foi un zarpazo moi grande ao franquismo», explica Pilar. Para Margarita o recordo é o da camaradería, «Eramos moi novos, con moitas ilusións, había compañeirismo, solidariedade, estaba todo por conseguir», tanto no ámbito laboral como na igualdade. Daquela, a representación das mulleres na política e no movemento obreiro era excepcional. «En Álvarez había moitas mulleres pero poucas participaban nas actividades. A única muller nas reunións da coordinadora era eu», explica Margarita, que chegou a ser presidenta do comité de empresa da fábrica.

As dúas empezaron a traballar no Grupo Álvarez, no barrio vigués de Cabral, sendo unhas nenas. O partido Comunista de Galicia, Comisións e as organizacións obreiras foron a súa escola. Para Pilar, os anos previos á protesta foron tempos de reunións clandestinas con camaradas, carreiras polo monte escapando da policía e reparto de octavillas para tratar de mobilizar a unha clase obreira vítima da pobreza e da falta de estudos. «Cheguei a disfrazarme de home coa roupa do marido. Daquela as mulleres non vestiamos pantalón, e había que ocultarse para que non te recoñeceran no barrio, cando volvías de repartir os panfletos ás catro da mañá». Foi nunha desas saídas cando foi identificada e posteriormente apresada. «Conseguimos escapar porque eramos novos e delgados, e a policía, gordos, porque estaban máis alimentados. Eu levaba unha pancarta escondida arredor da barriga, pero detiveron ao meu marido e logo a min». A estancia en prisión supuña o despido por incomparecencia no posto de traballo. Quedou sen emprego ata que a amnistía do 77 obrigou a readmitila. Como tamén ocorreu con Margarita.

«Chamábanche puta»

«Imaxino o que sufría a miña nai, no barrio de Cabral, polos comentarios que escoitaba dos veciños porque eu volvía tarde das reunións», explica Margarita. «O máis leve que te podían chamar era puta», apunta Pilar, que recorda que «os compañeiros nos trataban como iguais pero tamén moitos dicían que con que houbera un na casa loitando pola causa era suficiente, que as mulleres mellor que coidaran dos fillos». Non todos era así, explica Margarita. «Recordo ao compañeiro Juan Benavides que me coidaba do neno cando eu ía ás reunións da coordinadora, e me dicía: ‘Ai como pesa este Pablo!’. Había tamén moita solidariedade». Ambas fundaron o Movemento Democrático de Mulleres xunto con outras compañeiras, foi o inicio da incorporación das mulleres ao mundo sindical, onde a representación segue a ser maioritariamente masculina.

Cando Vigo saíu en folga para apoiar aos obreiros de Citröen, na fábrica de Álvarez non había cuartos de baño, solo unhas letrinas. «Recordo ter que mobilizarnos para que nos puxeran unha especie de cortinas, unhas telas colgadas cunhas puntas, para cambiarnos a roupa e poñer as batas. Ao final, había vestiarios, duchas, comedores e ata gardería. Foi duro pero mereceu a pena». Orgullosas de deixar un mundo mellor aos netos, encárganse de que os máis novos non esquezan como eran as cousas hai 50 anos. «Eu lle digo á miña neta maior que é máis doado ir para atrás que para adiante, pero seguro que llo recorda tamén o seu pai, o meu fillo, que viviu como un policía me largou un hostiazo sen mediar palabra cando marchaba co neno dunha manifestación, camiñando pola rúa».

Margarita e Pilar seguen quedando semanalmente, medio século despois. A súa participación na vida sindical limítase ás actividades do colectivo de xubilados. «Agora o sindicalismo é distinto, non hai centros de traballo con tres mil traballadores, agora están espallados. É complicado pero non me gustaría que se perdera o que logramos, agora é o ‘sálvese quien pueda’. Hai risco de que se perda», asegura Margarita. «Eu penso que xa se perdeu», conclúe Pilar.

A súa canción favorita

«La orilla blanca, la orilla negra», de Iva Zanicchi. «É unha canción preciosa. Neste momento, coa guerra, me pon os pelos de punta», explica Margarita. «Di cales son os teus e cales non. Entristéceme que a clase traballadora non saiba o sitio que ten que ocupar, ese sentimento xa non o hai», asegura Pilar.