Tita

Llerena Perozo Porteiro ECOFEMINISTA. SOCIA DE A GARGALLEIRA, PROXECTO AGROCULTURAL

VIGO CIUDAD

MARCOS CREO

31 mar 2022 . Actualizado a las 05:00 h.

Desde o 2001 imparto talleres de comunicación pública a mulleres. É un exercicio de empoderamento importante. Cando lles pido que nomeen dous referentes femininos, atópanos na esfera privada. Nai, avoa. En primeira instancia non temos modelos, aínda, na esfera pública. Eu tampouco. Mais ata niso son afortunada. As miñas referentes privadas son, tamén, mulleres públicas. A miña nai, da que aprendo a cotío, é unha delas. Outra é a que foi mestra, fundadora e directora do colexio dos oito anos determinantes da miña nenez. Modelo de muller, de afouteza, de intelixencia, de humanidade. Falo de Antía Cal Vázquez. Esa muller que, alá polos anos 60 do pasado século, en plena ditadura, tivo a visión e a ousadía de crear un centro educativo en Vigo baseado na liberdade, no pensamento crítico, no amor polo coñecemento e a experiencia. A mesma coa que logo mantiven unha deliciosa correspondencia por email, ela xa nos seus oitentas. A que falaba de Marcelino (Camacho) ou de Dolores (Ibárruri) como falamos calquera de nós dunha vella compañeira de batallas. A que lembraba cada nena e neno que pasáramos polas súas mans. A que che daba a razón cando a tiñas. A que instalara nas escaleiras de acceso á escola un enorme cartel co rezo «La letra con sangre NO entra». A que disfrazaba a nota de galego, materia non incluída no temario daquela, coa de relixión. A que fixo un referendo entre o alumnado para decidir se nomear «Alexandre Bóveda» unha aula. A que dedicou aulas a Concepción Arenal, Marie Curie, María Montessori ou os Irmandiños. A nena rural de Muras, filla de emigrado, que teimou en estudar unha carreira en Santiago. A valente, riseira, Tita, sempre co asubío pendurado para poñer orde cando armabamos unha aliboria. A que non rifaba, razoaba. A que escribiu unha biografía, Este camiño que fixemos xuntos, que recomendo vivamente. A protagonista do magnífico documental de Miguel Piñeiro. Tita finou. Mais o que construíu, o que nos deu, é eterno. Referente. Seguimos camiño, Antía.