Xosé Luís Franco Grande dará nome ao Premio de Investigación Xurídica en Lingua Galega da Universidade de Vigo

La Voz VIGO / LA VOZ

VIGO CIUDAD

Imaxe do académico e escritor Xosé Luís Franco Grande (1936-2020)
Imaxe do académico e escritor Xosé Luís Franco Grande (1936-2020) MARCOS MÍGUEZ

O escritor, lexicógrafo e avogado gañou unha votación popular para escoller a un persoeiro senlleiro co que bautizar o novo galardón

05 mar 2022 . Actualizado a las 21:50 h.

A Universidade de Vigo deu a coñecer esta semana que o escritor, lexicógrafo e avogado Xosé Luís Franco Grande dará nome ao seu Premio de Investigación Xurídica en Lingua Galega. A decisión tomouse logo dunha iniciativa pioneira que, a comezos deste ano, impulsou a Facultade de Ciencias Xurídicas e Traballo. Para escoller o nome, o centro convocou unha votación popular, de xeito que fose a propia comunidade a que elixise entre tres propostas de persoeiros senlleiros relacionados co mundo da cultura galega e do eido xurídico. As urnas estiveron abertas un mes e a votación popular rematou con 53 votos para Franco Grande; 36 para Roberto González Pastoriza e 27 para Fermín Bouza Brey. Xosé Manuel Pacho, vicedecano e coordinador de Normalización e Políticas Lingüísticas da facultade, explicou que foi «unha terna de nomes vencellados á cultura galega e ao dereito». Na facultade votaron alumnos, profesores e mesmo persoal administrativo.

Xosé Luís Franco Grande (Tebra, Tomiño, 1936) licenciouse en Santiago e afincouse en Vigo, cidade na que exerceu a avogacía e foi xefe da asesoría xurídica de Caixa Vigo. Foi tamén membro da Real Academia Galega da Lingua, colaborador de La Voz de Galicia e autor de numerosos artigos e traballos sobre diferentes figuras da cultura galega. Tamén formou parte do consello de Editorial Galaxia e destacou como escritor, tanto de poesía como de teatro. Unha das súas obras máis recoñecidas e que «se converteu nun instrumento fundamental para a recuperación da lingua galega», como destaca a Universidade de Vigo, é o Dicionario de galego-castelán publicado en 1968, que sufriu a prohibición do franquismo e do que se venderon máis de cincocentos mil exemplares.

O Premio de Investigación Xurídica en Lingua Galega Xosé Luis Franco Grande nace co obxectivo de fornecer o proceso de dinamización lingüística da Universidade de Vigo e fomentar o emprego da lingua nos traballos de investigación xurídica. O certame está aberto calquera persoa que estivese matriculada durante os cursos 2019-2020, 2020-2021 e neste 2021-2022 nunha titulación de calquera das universidades do Estado. O prazo de presentación dos traballos, que deberán ser individuais, finalizará o día 20 de abril de 2022. Establécense dúas modalidades, unha para o estudantado en xeral do sistema universitario e outra para o da Facultade de Ciencias Xurídicas e do Traballo, cada unha delas dotada de 400 euros. O xurado do premio estará integrado polo decano da Facultade de Ciencias Xurídicas e do Traballo, que o presidirá, o profesor Xosé Manuel Pacho, como coordinador de normalización lingüística da facultade, e por un máximo de tres membros do claustro do centro. «A comisión avaliará os traballos atendendo á calidade investigadora, ao interese do tema a tratar, ao enfoque empregado e a? corrección lingüística», sinalan dende a facultade.