«Hai que estudar que eventos deportivos son os máis axeitados para o territorio»
Nun escenario de satisfacción xeralizada, con matices, pola chegada do AVE Patricio Sánchez incide en que se debe contar cunha estratexia clara para saber que ofrecer ou como dar resposta ás necesidades dos visitantes que se acheguen a Ourense e lembra que tamén hai exemplos de cidades nas que o AVE causou un impacto negativo, no referido á perda de poboación. Unha das cousas que lamenta é que a provincia siga de costas a Portugal, co gran potencial que representa para nós e as posibilidades que nos podería ofrecer. «Todo o norte do país e o Grande Porto, con tres millóns de persoas, están aí á beira pero non o aproveitamos. Miramos para outro lado».
—É subdirector do Foro Económico de Galicia. Contan coa repercusión que buscaban?
—Si. O Foro ten dez anos, é unha institución moi nova, e non só a nivel galego, senón español, está sendo unha referencia nos obxectivos para o que foi creado, como asociación de formación de opinión, de consulta e de apoio. É un exemplo do valor engadido ourensá: aquí está a sede, nesta facultade, e os nosos membros son unha referencia en iniciativas que se desenvolven en toda Galicia e fóra da mesma.
—Dirixe o mestrado de Xestión
Empresarial do Deporte.
—Os eventos deportivos son actividades que xeran un importante impacto económico. Obviamente hai diferenzas entre eles. Aos políticos ou á xente que nos pregunta sempre lle dicimos que hai que estudar que evento deportivo se axeita máis ao que se quere ou aos obxectivos que se buscan.
—Cal é a aposta gañadora?
—Non hai. É preciso estudar o que mellor se axeite a cada territorio. Isto ás veces non se fai e os resultados non son os agardados.
Un namorado do rural que vive no Ribeiro e foi nadador
Patricio Sánchez Fernández fixo o camiño de volta ás orixes. Nun novo escenario, o que marcan os tempos actuais, e cunha reivindicación e unha aposta plena polo rural. Ese espazo que defende como un entorno privilexiado para desenvolver calquera tipo de actividade, sempre e cando se conte cos servizos e recursos que os cidadáns necesitan. Vigués de nacemento —como tantos fillos dos ribeiraos que marcharon cara á cidade que acolle de xeito maioritario aos ourensáns—, cando o destino profesional o trouxo ao Campus de Ourense chegou o tempo de recuperar o territorio dos seus. A aí segue, gozando do privilexio de vivir no Ribeiro, preto de Laias e reivindicando as súas potencialidades e recursos, como os da provincia de Ourense en xeral.
Formado na Universidade de Vigo, estivo dous anos estudando en Irlanda e ao seu regreso pasou por varios destinos: «Estiven nos dous campus da Universidade de Vigo, logo no de Pontevedra, dende hai tempo estou no de Ourense e aquí quedei».
—A súa é unha aposta e un compromiso ourensán?
—Pódese dicir que si. Temos un campus moi bo e cun entorno con moitas posibilidades para traballar en equipo, colaborar e facer cousas. Levo aquí vinte anos e aínda que tiven a oportunidade de cambiar a miña decisión foi seguir en Ourense.
—A vostede non hai que convencelo da aposta polo rural.
—A miña foi unha decisión persoal con compoñente familiar. Vin para Ourense e a mellor opción para min foi recuperar o espazo onde aínda estaban as nosas raíces. No do rural non se pode falar nin tentar convencer á xente dicindo que bonito é que bucólico é vivir no rural con fotos de postal. Iso é algo desfasado. Facelo atractivo non se consegue cunha foto, hai que dotalo de servizos tecnolóxicos para que a xente poda vivir e traballar, ou crear a súa empresa. O mapa de coberturas debía ser unha prioridade ao máximo nivel. Non pode ser que vaias á farmacia e non che podan cobrar coa tarxeta porque non teñen cobertura.
—Con que escenario se queda?
—Son persoa de cidade, como bo urbanita de Vigo, cunha familia paterna orixinaria do Ribeiro. A miña aposta foi polo rural e foi unha decisión moi acertada.
—Dirixe un postgrao sobre xestión empresarial e deporte. Cal é o seu?
—Sempre estiven vinculado ao deporte. O meu foi sempre a natación. Fun nadador e participei en competicións. Sigo practicando o meu deporte e exerzo como árbitro. Tamén estou vencellado á federación galega.
—Arbitra nas probas que se desenvolven en Galicia?
—Maioritariamente si, pero tamén noutras competicións e en citas internacionais.
Quen son.
«Son un vigués do Ribeiro que cando lle preguntan de onde é resposta ‘do Barbanza’. Pode que isto sexa unha contradición ou, sinxelamente, un xeito particular de entender os localismos. No cotián son un convencido da organización, a orde e o traballo onde non debe faltar o deporte e a familia»