
«Tranquilidade: non lles vou comentar sobre a estulticia coa que se trata ao patrimonio cultural», alerta o autor
26 dic 2021 . Actualizado a las 05:00 h.Un xa vai entrado en anos —quen o diría!— pero aínda nin aprendeu todo o que hai que ensinarlle, nin veu todo o que hai que ollar, nin o día a día déixao de sorprender. E nestas datas de fin de ano nas que disque hai que repasar o acontecido, quero deixar aquí o meu asombro por algunhas cuestións que, a verdade, fanme dubidar se teño algo claro… a estas alturas. Tranquilidade: non lles vou comentar sobre a estulticia coa que se trata ao patrimonio cultural. Non, con iso seguirei outra volta. Pero quixera sinalar, entre moitos, dous temas falándolles da Monarquía e do alcalde de Vigo desde esta columna das páxinas de Arousa. Aínda que de quen estou a charlar é de min, porque non hai maneira de que entenda nada e vostede, esforzado lector do Vento da Travesía —que por aquí é vento maligno—, se cadra, igual me comprende. Ou non. Por protocolo empezarei coa Corona española que, de verdade, e xa sen mencionar as orixes desa institución, non me deixa escapar do desconcerto. Resulta que o fundador da dinastía, un produto do seu tempo, afeito a mañas nin edificantes nin respectables no eido tributario —el como agora vén moito a Galicia, dirá que o fixo polo si ou polo non— por moito que estean cubertas polo manto constitucional da inviolabilidade ou atuídas pola prescrición. Ocorreu que en canto cheirou un problema coa xustiza aplicou a vella doutrina da fuga. Disque para non chamar a atención, a pesar de que desde esa evasión non se deixase de falar del un só día. Fuxiu, largouse, escapouse co rabo entre as pernas, a gozar da xubilación na quenturiña. Non parece un proceder exemplar nin intelixente neste mundo globalizado. Semella outras cousas. E, agora, para máis inri, din os papeis que disque o seu herdeiro non lle dá permiso para volver polo Nadal. E como se come iso? Quen é o fillo para prohibirlle ao pai, un cidadán con tódolos dereitos, que non vaia a onde lle pete?. Que argucia vén sendo esa?. Claro que se é por non ter quen lle pague a luz nestes tempos que corren, que veña para Vigo e así enlazo co seguinte tema porque outro conto que me ten descadrado —non debe ser difícil— é o das luces de Nadal en Vigo. A ver: Abel Caballero non é un calquera: atesoura unha formación intelectual envexable —coa pexa de que só utiliza o galego foneticamente—, doutor, catedrático de Teoría Económica, oficial da Mercante, ministro, escritor; en fin, que por calquera dos seus logros resulta admirable. E socialista, perfecto coñecedor dos principios desa ideoloxía, por moi augados que estean na actualidade polo pragmatismo. Pois ocorre que leva anos co conto da ornamentación municipal con fondos públicos con luces, feirantes e quincallada para festexar o Nadal, celebración católica por excelencia. E prestándose el mesmo, como finísimo clown, a ser protagonista do espectáculo. Unha prodigalidade nestes tempos de carestía da enerxía que incrementa un tipo de visitantes á súa cidade en ondadas multitudinarias para extasiárense apampados coas luciñas, en momentos de restricións das aglomeracións. E, ademais, ese éxito popular xera un efecto de imitación por tódolos currunchos, máis de circenses que de panem. Como se estivese vixente unha política telecinqueña, por dicilo para que se me entenda. Pero a ver: o poder público en xeral e o socialismo en particular non é aconfesional, laico?. Medirase o éxito político polo share ou cota de audiencia?. E dende o punto de vista de construír fundamentos sociais, económicos, de futuro nun sitio como Vigo, acae esa pomposidade fatua?. Todo é discutible, pero ás miñas idade e acidez haiche cousas que xa non me cadran. Tocará reciclarme para entender que uns queren salvar/se a Corona e outros que o comercio gañe máis en Vigo, ou vaite a saber, mesmo coroarse rei de Vigo. Serache así, mentres lle deixen.