Tren

La Voz

VIGO CIUDAD

18 dic 2021 . Actualizado a las 05:00 h.

Finxía ler.

Sentada de pernas cruzadas, coas mans frías polo inverno e un abrigo empapado pola choiva, finxía ler unha nova historia mentres esperaba a que chegase o tren. O resto da xente falaba, esperaba en solitario, miraba o ceo preguntándose cando volvería o sol ou observaba a pantalla do móbil, pendente dalgunha conversación.

Só cando estiven segura de que ninguén me prestaba atención alcei a mirada uns milímetros. As persoas deixan de comportarse con naturalidade cando saben que alguén as observa.

Se son sincera, non teño claro cando comezou a miña obsesión por observar a xente que decide coller un tren. Talvez derive do aburrimento, de esperar soa, ou do moito que me chaman a atención as estacións.

Se algo aprendín nestes meses é que son unha das cousas máis raras que hai. Empecemos polo feito de que é un dos poucos lugares no que todos saben de onde veñen e a onde van. Co confusas e preocupadas que están as persoas hoxe en día este lugar é un pequeno respiro para alguén cunha crise existencial.

Ademais, todos teñen un motivo.

Algúns deles están dispostos a compartir a súa historia, como a dama de Oklahoma, que veu ata Galicia porque lle parece preciosa, que odia o polbo, e que confirmou nun portugués bastante bo que Oklahoma e Texas son iguais a como as mostran as películas.

Outros non son tan simpáticos, pero podes compoñer a súa historia observando o seu comportamento, como o señor de negocios, co seu traxe azul mariño e tan centrado nun dos dous móbiles que leva que non se dá conta de que a camareira di o seu nome en voz alta.

E outros, os meus favoritos, ensínanche que falar cun descoñecido sobre libros nun tren é unha das cousas interesantes da vida. Non vin o cabaleiro dos problemas existenciais nunca máis, pero espero que aprobase a carreira de enxeñaría e que siga coñecendo xente rara nos karaokes de Vigo. Grazas polos teus consellos sobre como solucionar as goteiras.

Si, dende logo podes coñecer todo tipo de xente nunha estación de tren.

Ás veces pode ser aburrido, pero non pasa nada. Mentres esperas, sempre podes finxir que les un libro.

Martina Rivas Rodríguez

Graduada en Ciencias da Linguaxe e Estudos Literarios, e alumna do máster de educación