José María Faílde Garrido: «O envellecemento activo e a calidade de vida son o gran reto do futuro»

xosé manoel rodríguez OURENSE / LA VOZ

VIGO CIUDAD

Santi M. Amil

O profesor da Facultade de Educación e Traballo Social  coordina a presenza galega no doutoramento sobre ese proceso

04 jul 2022 . Actualizado a las 12:50 h.

A oferta da Universidade de Vigo para o vindeiro curso académico incorporará unha proposta pioneira que vai incidir nunha realidade pouco coñecida e que está chamada a xogar un importante papel na sociedade nun futuro próximo. A iniciativa, que entrará en funcionamento no ciclo lectivo 2022-2023, será o Programa de Doutoramento en Ciencias Sociais e Envellecemento e a proposta está vencellada ao proxecto Universidades Sen Fronteiras. O obxectivo da UNISF é impulsar o desenvolvemento de titulacións conxuntas de posgrao entre as universidades participantes: as tres galegas —Vigo, Santiago e A Coruña— e as portuguesas de Minho, Porto e Trás-os-Montes e Alto Douro. En José María Faílde Garrido (Ourense, 1966), profesor do Campus ourensán, correspondeulle a responsabilidade de coordinar a participación das universidades galegas neste proxecto da UNISF.

—Hai canto que comezou a crearse este novo doutoramento?

—A finais do 2019 xa estabamos metidos na iniciativa. Houbo un traballo moi intenso porque queríamos desenvolvelo axiña e creo que se fixo un proxecto moi interesante ao que, entre outras cousas, están vencellados preto de cen investigadores.

—As características da provincia fana un espazo acaído para esta nova proposta académica?

—As ratios que temos así o demostran. Ourense é unha das zonas máis envellecidas de Europa, a terceira, e as altas taxas que se rexistran irán en aumento. Na provincia hai case que un 33 % de persoas maiores de 65 anos —a media é dun 19,5 % no Estado—. España é o segundo país do mundo en esperanza de vida e no 2040 será o máis lonxevo do mundo, por diante de Xapón.

—A alta taxa da media de idade sempre se cita como referencia en negativo no caso ourensán?

—Ese é un tópico co que hai que loitar para eliminalo. O envellecemento é unha conquista social, non un problema. Cada vez hai unhas taxas máis altas de idade e calidade de vida, e iso implica retos en moitos ámbitos: dende o mercado laboral ao financeiro e dos servizos ao sector educativo, entre outros.

—Mais esa realidade existe?

—Si, máis parte da falta de información ou é interesada. É certo que o nivel de coñecemento do que é o envellecemento é moi baixo e hai moitos estereotipos con carga negativa —así está demostrado por estudos en todas as franxas de idade— pero tamén hai moitos intereses económico por parte de sectores como as farmacéuticas ou os fondos económicos que hai detrás de moitos proxectos residenciais ou de internamento. Non é inconsciente todo o que se nos transmite.

—A idade é a oportunidade?

—Sen dúbida. O reto está na xustiza no trato ao colectivo porque hai unha gran discriminación. Cada vez hai unha maior calidade e esperanza de vida e hai que ensinar a envellecer a esa xente. Que chegada a unha idade tes algunhas carencias, por suposto!, pero son moitas as cousas positivas, o coñecemento que aportar á sociedade, a experiencia e moitos outros factores. O envellecemento activo e a calidade de vida son o gran reto do futuro.

—Os cidadáns están preparados para esa nova etapa?

—A sociedade non nos ensina a envellecer. E mesmo os conceptos cambian: o envellecemento activo non era o mesmo no 2001, etapa na que se centraba máis en aspectos de saúde, que agora. O obxectivo non é engadir anos á vida senón anos aos propios anos. E desenvolver as nosas potencialidades e capacidades. E ver esa etapa como unha oportunidade para cambiar e facer cousas novas.

«O postgrao terá demanda porque existe a necesidade de dar respostas ao reto da sociedade»

O programa de Doutoramento en Ciencias Sociais e Envellecemento que comezará a funcionar no novo curso académico ofertará 40 prazas, repartidas a partes iguais entre as cinco universidades que participan no proxecto.

—O traballo conxunto aporta valor engadido?

—Tanto Portugal coma nós temos unhas altas taxas de envellecemento, situación que non se debe ver como un problema senón como un desafío e unha oportunidade para novas conquistas sociais e sanitarias. Que traballemos de forma conxunta as cinco universidades, e que estean implicados case que un cento de investigadores de todos os ámbitos, reforza e potencia a iniciativa.

—Aluden a cinco liñas de traballo conxuntas.

—Os investigadores centraranse nos aspectos demográficos do envellecemento poboacional; a calidade de vida e o envellecemento activo; a diversidade funcional, innovación social e tecnolóxica nesta etapa; o xénero, as desigualdades sociais e o impacto socioeconómico do mesmo e a organización social dos coidados e as políticas públicas.

—Cre que terá unha boa demanda esta nova oferta universitaria?

—Sen dúbida. A interdisciplinaridade e o interese que ten para moitos sectores estratéxicos son aspectos moi destacados, ademais de estar dirixido a un perfil moi amplo no campo das ciencias sociais, dende o perfil psicosocial ao xerontolóxico. O postgrao terá demanda porque existe a necesidade de dar resposta ao reto da sociedade. No futuro terá que haber persoas que saiban de envellecemento activo e de investigación para resolver as situacións que se xerarán dende moitos ámbitos: do sociosanitario ao económico, pasando por un amplo abano de sectores.

 

Do orgullo do traballo do seu avó ás lembranzas de Blanco Amor

Non deixa capacidade de manobra Chema Faílde Garrido para riparlle a razón. Tira de estatística para demostrar que son máis grandes as porcentaxes de accidentes de tráfico en persoas mozas que en maiores de 65 anos, que o mesmo acontece coas enfermidades mentais e con moitos outros aspectos. Tamén fai referencia a realidades como que tres de cada catro maiores de 75 anos se desenvolven con total autonomía e que os ingresos nas residencias, contra a versión interesada de que ese é o proceso normal, representan unha porcentaxe moi baixa no conxunto da poboación de máis idade.

Formado en Compostela, onde cursou Psicoloxía e Criminoloxía e se doutorou, ten traballado con colectivos como a Cruz Vermella e en problemáticas como as das drogodependencias ou o VIH —sobre o que centra algún dos seus libros—. Ademais de exercer como profesor na Facultade de Educación e Traballo Social tamén o fai na UNED de Ourense.

Implicado en moitos proxectos e iniciativas, participa entre outros no Esenciais 20/50, que presentaron este venres Cristina Pato, Xaime Fandiño e Marina Oural.

—Que sente un Faílde ao moverse pola cidade?

—Un tremendo orgullo e unha gran satisfacción... é algo moi emotivo. A cidade foi grata con el dedicándolle as exposicións que se fixeron hai uns anos e a súa presenza sigue aí, por todo Ourense. Dende o mural que está fronte ao pavillón de deportes dos Remedios ás esculturas da estación de San Francisco ou a praza de San Cosme. Tamén hai unha rúa co nome de Antonio Faílde, un colexio e a escola de artes.

—Como o lembra?

—Morreu cando eu tiña 12 anos, daquela a miña percepción é máis de avó que de escultor. Era recoñecido, pero non ía de artista pola vida. Si que lembro algúns momentos que, co paso do tempo e o coñecemento, os ves como especiais. Tiña relación coa xente do mundo das artes, da Xeración Nós e de neno presentoume a Blanco Amor. Foi na Praza do Ferro, cando o acompañaba a mercar na libraría Follas Novas os rotuladores que empregaba para debuxar. Vino como un señor grandísimo. Co paso dos anos, e cadrando logo con el en sitios como El Cortijo, comprobei que non o era.

—Herdou a faceta artística?

—Non. Meu pai si; tiña moi boa man e facultades. Levou un accésit nalgún concurso e mantiña boa relación con Quessada e os artistas mozos. Pero decidiu que ese mundo non era para el.

Quen son

«Un ourensán de 1966 formado en Psicoloxía e Criminoloxía. Tiven a sorte de compatibilizar durante un tempo o exercicio da psicoloxía clínica e a docencia universitaria. Esta última é a miña actividade principal e permíteme gozar ensinando e investigando sobre os temas dos que verdadeiramente disfruto: a saúde, a calidade de vida e o avellentamento».